
O Congreso dos Deputados aprobou esta mañá a Proposición non de Lei presentada polo Grupo Popular para instar ao Goberno de España a mellorar a iluminación na entrada a Lugo por Nadela e humanizar a travesía deste núcleo.
A iniciativa contou co apoio de 18 deputados (PP, Vox e Grupo Mixto –BNG–), fronte ás 17 abstencións (PSOE, Sumar, ERC e Junts). Isto supón que o PSOE evitou posicionarse a favor dunha reclamación que afecta directamente á seguridade viaria dos lucenses.
A encargada de defender esta PNL foi a deputada Cristina Abades quen salientou que “Lugo non pide privilexios, pide igualdade. E igualdade é ter estradas seguras, ben iluminadas e en bo estado, como ten calquera outra provincia española”.
A popular subliñou que esta iniciativa “non nace dun debate político, senón da demanda directa de veciños, transportistas … que levan anos reclamando unha intervención urxente en rotondas como a de Nadela, accesos como o da N-VI, así como nos tramos estatais que dan acceso a capital da provincia de Lugo”.
Esta mesma proposta debátese este xoves no Pleno municipal. E aquí xorde a pregunta: Votarán PSOE e BNG do mesmo xeito que fixeron en Madrid. Veremos se en Lugo tamén hai discrepancia entre os socios ou se, como acontece no Congreso, cada quen fai unha política distinta.
