
A Escola Municipal de Música de Lugo leva pechada desde o pasado curso académico pola incapacidade do goberno local de garantir un equipo directivo estable. Trala dimisión da última dirección, o Concello non adoptou medidas eficaces para cubrir a vacante, nin sequera mediante nomeamento por decreto, que rematou coa renuncia inmediata da persoa designada.
Na Comisión de Cultura celebrada este xoves, o Grupo Municipal do Partido Popular preguntou expresamente polo calendario previsto para reabrir a Escola, incluíndo datas para a matrícula, o nomeamento da dirección e o inicio das clases.
A resposta da concelleira Maite Ferreiro foi :
“Trátase dun conflito laboral. Non podemos dar datas. Esperamos que pronto haxa solucións e que funcione con normalidade.”
FALTA DE COMPROMISO E TRANSPARENCIA
Para o PP, e en palabras do seu concelleiro Javier Vázquez, esta resposta confirma o que xa é evidente: o goberno de PSOE e BNG non ten unha folla de ruta clara, non informa ás familias e mantén este servizo bloqueado e sen previsións. Esta situación é consecuencia directa dun bigoberno BNG-PSOE que se pasa a pelota de responsabilidade dun departamento a outro, evitando asumir compromisos concretos. Ao final, quen sempre sae prexudicado é o cidadán, que ve desaparecer un servizo público sen explicacións, nin solucións.
CONSECUENCIAS GRAVES PARA FAMILIAS E ALUMNADO
A inacción do goberno municipal está a provocar consecuencias reais e negativas para moitas familias lucenses. Ante a ausencia dunha alternativa municipal operativa, numerosos pais e nais optaron por matricular aos seus fillos no Conservatorio ou por contratar clases particulares en academias privadas. Esta situación supón un custo económico engadido que non todas as economías poden asumir e que, en definitiva, xera desigualdade no acceso á educación musical. Esta fuga de alumnado non é unha casualidade, senón o reflexo directo da falta de vontade política e da incapacidade de PSOE e BNG para manter servizos culturais públicos activos e accesibles.
EXIXENCIAS DO PP
Javier Vázquez “esiximos que o goberno municipal faga público un calendario claro coas datas previstas para o nomeamento dunha nova dirección, a apertura do prazo de matrícula e o inicio do curso, así como que asegure que a nova dirección sexa designada con criterios técnicos e legais. Tamén reclamamos que se informe de forma directa e transparente ás familias afectadas, e que se poña en marcha un plan realista que garanta a estabilidade do profesorado, incluíndo a reclasificación comprometida”.
Os populares lembran como ao Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo fixéronnos chegar recentemente unha esquela simbólica na que se “despide” á Escola Municipal de Música, como mostra do fondo malestar, da frustración e do sentimento de abandono que están a vivir moitas familias lucenses.
Este xesto, cargado de ironía pero tamén de verdade, reflicte mellor ca ningunha palabra o deterioro dun servizo público esencial, froito dun bigoberno BNG-PSOE que se limita a pasarse a responsabilidade dunha área a outra mentres a veciñanza continúa agardando solucións.