Sen categoría

O bipartito PSOE–BNG prioriza cámaras de tráfico fronte á atención ás persoas dependentes

By 17 Xaneiro, 2026Xaneiro 21st, 2026Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denuncia que o goberno local do PSOE e do BNG volve dar as costas ás persoas máis vulnerables ao desviar máis de 900.000 euros do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para financiar a instalación de cámaras de control de tráfico vinculadas á Zona de Baixas Emisións (ZBE) no casco histórico da cidade.

En concreto, o bipartito destina 901.981,25 euros procedentes do SAF á substitución dun sistema de cámaras que custou no seu día 253.744,99 euros, pero que nunca chegou a funcionar tras o período de probas. Agora, lonxe de asumir responsabilidades por aquel fracaso, o goberno municipal propón un novo gasto de 1.253.245,76 euros para substituír esas cámaras.

Desde o PP de Lugo consideramos especialmente grave que estes máis de 900.000 euros se detraian do SAF previsto para o ano 2026, cando nin sequera existen orzamentos municipais aprobados para ese exercicio, o que deixa en evidencia cales son as verdadeiras prioridades do bipartito: non as persoas, senón a imposición das súas políticas ideolóxicas.

Esta decisión resulta aínda máis incomprensible e alarmante se se ten en conta que Lugo conta actualmente con listas de espera no SAF, con 5 persoas en grao III, 218 en grao II e 390 en grao I pendentes de recibir un servizo esencial para a súa calidade de vida e a das súas familias.

“A pregunta é clara: como pode o goberno local xustificar que se recorten fondos destinados á atención de persoas dependentes para dedicalos a cámaras de tráfico, cando ademais xa houbo un sistema de cámaras que nin sequera chegou a entrar en funcionamento?”, sinalan desde o Grupo Municipal do Partido Popular, que insisten en que “este bipartito demostra, unha vez máis, que as súas prioridades non están nas persoas, senón en proxectos ideolóxicos e propagandísticos”.

O Grupo Municipal do PP esixe ao goberno de PSOE e BNG que rectifique de inmediato, garanta unha financiación suficiente do SAF e deixe de utilizar os recursos destinados aos servizos sociais para cubrir o custo de decisións políticas erradas.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies