
O recente anuncio do Grupo Municipal Socialista sobre a aportación da Deputación de Lugo para financiar a nova “Brigada Axil” supón unha nova mostra da falta de coordinación e confianza entre os socios de goberno no Concello de Lugo, o PSOE e o BNG.
Con esta medida, o grupo socialista pon en marcha un servizo paralelo ao xa existente, duplicando competencias, gasto público e xerando confusión na xestión dos servizos municipais. Esta nova brigada, promovida polo PSOE, non responde a unha necesidade real, senón a un interese claramente partidista e electoralista, coa vista posta nas eleccións municipais de 2027.
Existen postos vacantes na RPT (Relación de Postos de Traballo) que permitirían cubrir este tipo de tarefas con persoal propio do Concello. Porén, no canto de reforzar o servizo público con persoal fixo, consolidando dereitos laborais e garantindo a continuidade e calidade do servizo optan por un modelo que despreza o papel do persoal municipal e quepon de manifesto unhha falla absoluta de planificación. A creación desta brigada, sen coordinación co servizo xa existente, é un claro tirón de orellas encuberto do PSOE ao BNG, ou ben un novo episodio dunha estratexia electoral disfrazada de xestión. En calquera caso, os únicos prexudicados son os veciños e veciñas de Lugo.
A creación desta brigada supón:
· Duplicidade de funcións e gasto público innecesario.
· Falta de coordinación entre os socios de goberno.
· Perda de credibilidade nos servizos municipais.
· Atropelo aos dereitos dos traballadores públicos, ao substituír prazas estruturais por contratos temporais sen garantías.
· Xestión improvisada e orientada ao rédito político, non ao ben común.
Ademais, esta situación xera incerteza nos protocolos de actuación: ante unha avaría ou deterioro no espazo público, ¿quen intervén? ¿A brigada do BNG ou a do PSOE? Esta falta de claridade revela un modelo de xestión clientelar, pouco transparente e profundamente ineficaz.
Dende o PP defendemos que os fondos públicos se utilicen con responsabilidade e eficacia, non para alimentar rivalidades internas nin campañas disfrazadas de proxectos municipais. Lugo non precisa dúas brigadas para arranxar o mesmo banco roto. O que precisa é un único goberno que crea nos servizos públicos, no seu persoal, e que actúe con transparencia e rigor.
Por iso pedimos ao goberno municipal que deixe de xogar ás trampas ao solitario e de competir entre eles mesmos, e comece a traballar con seriedade polos problemas reais da veciñanza de Lugo.