Sen categoría

A FALTA DE MANTEMENTO PASA FACTURA ÁS PISCINAS DAS PEDREIRAS

By 2 Decembro, 2025Sin comentarios

O grupo municipal popular faise eco das queixas e do malestar dos usuarios polo estado de mantemento das instalacións das Piscinas das Pedreiras, unha infraestrutura deportiva que ten moitos usuarios diarios e que, dende hai dúas semanas, sofre problemas nas duchas, que non poden empregarse de forma segura pola elevada temperatura que acada a auga das mesmas. Nestes momentos, só dúas duchas funcionan correctamente, algo claramente insuficiente para cubrir as necesidades dos usuarios destas instalacións.

A este problema súmase a existencia dunha goteira que verte directamente sobre o vaso da piscina, unha circunstancia que consideramos especialmente grave tanto polas posibles afeccións á infraestrutura como polos riscos que pode supoñer para os bañistas e para o correcto mantemento do recinto.

O concelleiro Damián Carballo, que estivo comprobando de primeira man a situación das piscinas, esixe unha actuación inmediata por parte do concelleiro de Deportes e considera totalmente inaceptable que unha infraestrutura pública permaneza tanto tempo con incidencias desta magnitude sen unha resposta efectiva nin unha comunicación transparente.

Damián Carballo solicita: a reparación urxente das duchas e o restablecemento completo do servizo en condicións seguras e axeitadas; unha intervención inmediata para resolver a goteira que afecta ao vaso da piscina; e información clara e actualizada sobre as causas destas incidencias e os prazos previstos para a súa solución.

O mantemento das instalacións deportivas municipais é, en xeral, deficitario e provoca un deterioro constante das mesmas, que resulta máis evidente en instalacións como as próximas pistas de atletismo do Gregorio Pérez Rivera (tamén no módulo cuberto).

O bipartito PSOE–BNG ten privatizado o mantemento das instalacións deportivas, sen que o concelleiro de Deportes, señor Jorge Bustos, pareza interesado en poñer a traballar á empresa adxudicataria para garantir o correcto estado de revista das instalacións deportivas.

Unha vez máis constátase un modelo de xestión inadecuado, no que o goberno de PSOE e BNG privatiza servizos públicos e desenténdese deles.

Outro motivo máis para insistir en que #LugoPrecisaUnCambio.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies