
O Grupo Popular solicitará no Pleno a creación
dunha comisión de investigación para analizar o accidente acontecido
durante o desfile de gando do San Froilán no que, lamentablemente, unha
persoa perdeu a vida.
A concelleira popular Mar Carballas explicou que “a reacción do Goberno
local foi un exemplo de falta de empatía. Primeiro minimizaron o acontecido,
e ante un suceso tan grave, o único que fixeron foi dicir que o desfile contaba
cun seguro propio, ademais do xenérico das festas. “Como se iso fose
suficiente resposta institucional. Iso non é liderado nin responsabilidade, é
unha forma fría e impropia de afrontar un feito tan tráxico e doloroso como o
sucedido o pasado 5 de outubro", puntulizaba Carballas.
A edil popular tamén criticou a falta de transparencia lembrando como: o
día 7 de outubro pedimos unha convocatoria da xunta de voceiros “para
coñecer as actuacións realizadas polo concello dende o momento do
accidente e sobre a organización do evento”. Nese encontro, de forma
verbal, se nos traslada que había protocolos de seguridade polo que
solicitamos “acceso e copia deses documentos”; o prazo para ter esta
información expirou o pasado 15 de outubro e, unha vez máis, se nos dá a
calada por resposta.
O único documento que disponemos é o Plan de autoprotección para o San
Froilán 2025 que se aprobou, fóra da orde do día, na xunta de goberno do
día 1 outubro (tres días antes do inicio das festas). Neste PAU non existe un
protocolo específico do desfile de gando.
Todo o descrito con anterioridade revela unha nula planificación e unha
preocupante improvisación por parte do executivo local. “Non se trata de
buscar culpables, senón de exercer responsabilidade institucional e garantir
que eventos multitudinarios como os do San Froilán conten con todas as
medidas de seguridade, prevención e transparencia que merecen os
lucenses”.
“O que pedimos é claro: coñecer o que pasou, aprender do sucedido e evitar
que algo así se repita”, concluíu Carballas.

