
- O PP desvela que un informe do Servizo Municipal de Educación recoñece a sobrecarga de traballo e a denegación de permisos aos traballadores da Escola Infantil Gregorio Sanz por non cubrir unha praza de educadora
- Os populares lembran que non é un caso illado: outro informe técnico, neste caso do Servizo de Augas, xa advertira de que a falta de persoal comprometía a atención aos lucenses, a recadación municipal e o benestar dos traballadores
- “Urxe que o bipartito asuma responsabilidades e poña orde no Concello, porque a mala xestión e a inactividade dun goberno que presume de progresista está a supor retrocesos evidentes nos dereitos laborais e empeoramento das prestacións á veciñanza”
O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denunciou hoxe a deixadez de funcións que o goberno local está a cometer en materia de persoal, o que está a xerar conflitos internos e vulneracións de dereitos fundamentais dos traballadores municipais.
O último exemplo é o da Escola Infantil Gregorio Sanz, onde un informe do Servizo de Educación, con data do 9 de setembro, advirte das consecuencias da falta de cobertura dunha praza de educadora o que afecta a dereitos dos traballadores coa denegación de permisos por asuntos particulares; crear aulas mixtas e sobrecarga de traballo.
No documento, se indica textualmente que:“non se cubra provisionalmente a praza de educadora, pois esta situación causa que haxa que crear aulas mixtas ou que denegar permisos de asuntos particulares”.
Ademais, o informe detalla que Educación xa solicitou en varias ocasión por escrito ao Servizo de Persoal a cobertura desta praza, así como “nunha reunión presencial co concelleiro responsable e a xefa de sección”.
A maiores, o documento incide en que: “reincidimos unha vez máis … o feito de que non se cubra a sétima praza provoca a sobrecarga no traballo e dificultades na organización, así como da vida laboral e familiar das traballadoras”.
Un diagnóstico contundente que, segundo o Grupo Popular, pon de manifestó o abandono deste servizo, e curiosamente é o BNG (dirixe a área de educación) é quen está advertindo por escrito ao PSOE, que ten a responsabilidade do persoal, da urxencia de cubrir a praza.
“Este informe está poñendo por escrito o que levamos meses denunciando: a mala organización e a falta de cobertura de prazas están a afectar tanto á calidade dos servizos como aos dereitos laborais do persoal municipal”.
Servizos municipais que se deterioran día a día
O caso de persoal da Escola Infantil Gregorio Sanz non é illado “xa o vimos no Servizo de Augas, onde outro informe técnico advertía de que o elevado número de postos vacantes comprometía a atención aos veciños, a recadación municipal e mesmo a saúde dos traballadores”.
No momento, no que se elaborou este documento (agosto 2025) había máis de 600 solicitudes pendentes de alta, baixa ou bonificación, máis de 100 cambios de contador e máis de 500 devolucións de fianzas, segundo os datos oficiais do propio Concello.
Para o PP, a conclusión é clara: “O goberno local nin planifica nin resolve. As consecuencias páganas os traballadores e, en última instancia, a veciñanza, que ve como os servizos municipais se deterioran día a día”