
O PP pide a Miguel Fernández que rectifique no pleno do luns e que “se de verdade defende a Lugo, vote a favor das infraestruturas que necesita a cidade”
• Elena Candia téndelle a man ao alcalde “para que reaccione e deixe de exercer como escudeiro do PSOE e empece a actuar como alcalde de todos os lucenses”: “A última reunión que tivo acadou coa perda dunha frecuencia directa con Madrid”
• Antonio Ameijide afirma que “os socialistas ningunean ao alcalde de Lugo, o que evidencia a súa falta de peso político” en referencia a que Miguel Fernández “non mantén a súa palabra: na praza de Maior di unha cousa, aos medios de comunicación outra e vota o contrario en San Marcos”
• Os populares piden “valentía” ao alcalde e lles plante cara aos seus compañeiros de partido na defensa de todos os lucenses: “Que deixe de facer como ata agora, dobregándose ante o Goberno de Sánchez, carcomido pola corrupción, e ante o de Tomé, roto e en caída libre”
“Se Miguel Fernández de verdade defende a Lugo o luns debe votar a favor de reclamar ao Goberno do Estado as infraestruturas que necesita a cidade”. Así de contundentes se amosaron a voceira do Grupo Municipal, Elena Candia, e o voceiro do Grupo Provincial, Antonio Ameijide.
Elena Candia insta a Miguel Fernández a rectificar no pleno do luns do Concello de Lugo e “apoie” a iniciativa do PP en defensa das infraestruturas ferroviarias de Lugo. “Hai apenas uns días, votou en contra dunha proposta similar na Deputación, evidenciando que antepón as siglas do seu partido aos intereses da cidade”, denunciou.
Os populares lembran como a súa última posta en escena, reuníndose co presidente de Renfe sen arrincar compromisos reais, acabou nunha vaga promesa de estudo, que se engade a que “a anterior reunión do alcalde co secretario de Estado acabou coa perda dunha frecuencia directa con Madrid. Lugo xa está farta de fotos e promesas baleiras”.
Elena Candia téndelle a man ao alcalde “para que reaccione, para que deixe de exercer como escudeiro do PSOE e empece a actuar como alcalde de todos os lucenses. O luns terá a oportunidade de facelo”.
Pola súa banda, o voceiro provincial, Antonio Ameijide, afirma que “os socialistas ningunean ao alcalde de Lugo, o que evidencia a súa falta de peso político” en referencia a que Miguel Fernández “non mantén a súa palabra: na praza de Maior di unha cousa, aos medios de comunicación outra e vota o contrario en San Marcos”.
Neste senso, Antonio Ameijide recorda a Miguel Fernández que “eu estou na mesma situación que el e sempre mantiven a mesma postura: voto o mesmo tanto en San Marcos como na Praza Maior”.
O popular acusa ao rexedor de ter “un nulo coñecemento” da cidade ao tardar anos en sumarse ás reclamacións do PP, así como “nulo peso político”, recordando como “saíu dunha reunión da que dixo que ía solucionar todo e volveu co rabo entre as pernas e cun único anuncio de estudio en canto se poida, que é menos que nada”.
“Non aproveitou a ocasión para preguntar ao Ministerio onde están os máis de 1.000Mill€ que Sánchez retirou do proxecto presentado no 2018 polo Goberno do PP para a chegada da alta velocidade a Lugo”, denunciou.
Neste senso, pídenlle “valentía” e lles plante cara aos seus compañeiros de partidos na defensa de todos os lucenses. “Que deixe de facer como ata agora, dobregándose ante o Goberno de Sánchez, carcomido pola corrupción, e ante o Goberno de Tomé, roto e en caída libre”.