Ramón Carballo

Chámome Ramón Carballo Páez e preséntome como candidato á alcaldía de Lugo porque estou convencido de que é necesario cambiar a dinámica de parálise e o déficit de xestión que hai no Concello de Lugo.

Teño 59 anos, son viúdo e teño un fillo de 23.

Son veterinario de profesión e político por devoción.

Para min, Lugo é o lugar ideal para vivir e non sabería con cal dos barrios onde residín me quedaría porque cada un ten o seu encanto e representa unha etapa da miña vida. Dende que aos 11 anos vin do Seixo (Pedrafita do Cebreiro) a Lugo, estiven sete anos no seminario e logo, en pisos de estudantes en Recatelo e Río Neira; en Rafael de Vega formei a miña familia con Mari Carme, miña muller falecida en 2014, e Andrés, meu fillo. Na actualidade, son un veciño máis do barrio da Residencia, aínda que tamén é habitual verme pola zona da Piringalla, onde sempre que podo visito a miña nai, ou polo barrio de Acea de Olga, onde vive meu fillo.

Son afeccionado ao fútbol e bo conversador, gústame camiñar e é doado verme no paseo do Miño ou polo adarve da muralla, ás veces, acompañado polo meu boxer Link. Pero co que máis gozo no meu tempo de lecer é coa partida de tute cos amigos. Toda unha tradición que practico dende que era mozo.

Antes de participar na vida política, traballei coma veterinario autónomo en varios concellos da provincia. Tamén teño unha gran experiencia na Administración pública, xa que pertenzo ao corpo superior da Xunta de Galicia dende o ano 1994, desempeñando dende aquela varios cargos de responsabilidade, como xefe dos servizos veterinarios oficiais de saúde pública da zona de Lugo, inspector técnico veterinario de saúde pública da comarca da Fonsagrada e de Lugo, ou xefe territorial da Consellería de Medio rural en Lugo.

Tanto pola miña profesión como polos cargos públicos que exercín, estiven en contacto permanente cos lucenses. Esa é unha das miñas principais fortalezas: que son coñecedor, en primeira persoa, dos problemas reais da xente e que sempre me considerei un veciño máis de Lugo.

Na última etapa profesional fun subdelegado do Goberno en Lugo durante seis anos e, na actualidade, son xefe territorial da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

En canto á miña traxectoria política, son un home coñecedor do partido. Iniciei a miña andaina no Partido Popular cando tiña 28 anos, como voceiro do PP en Pedrafita do Cebreiro. Tamén fun concelleiro e voceiro da agrupación local da Fonsagrada. No ámbito autonómico fun deputado, presidente da Comisión de Pesca, vocal na de Agricultura, e poñente na Comisión de Emigración e Asuntos Europeos. Dende maio de 2017 asumín a presidencia do Partido Popular de Lugo co apoio de 98,8% dos afiliados, e en setembro de 2018 fun proclamado candidato á alcaldía de Lugo.

Aínda que nunca me separo dun colgante dunha ferradura de cabalo que me regalou miña dona, sei que a garantía do éxito non está nos amuletos, senón en traballar duro, con humildade e honradez para gañar á alcaldía