Ramón Carballo apela á responsabilidade dos afiliados para impulsar “unha ola de ilusión que varra coa parálise do PSOE”

By 13 Novembro, 2018 Lugo en marcha

O candidato á alcaldía do Partido Popular celebrou a altísima participación na tradicional pulpada do San Froilán indicando que “superamos todas as previsions” xa que  incluso houbo que acondicionar un segundo salón para acomodar aos lucenses que quixeron sumarse a este xantar.

Ramón Carballo explicou que “os do Partido Popular da provincia de Lugo, como lucenses de a pé, como compañeiros e tamén como familia que somos cumprimos, todos os anos, coa   tradición de xuntarnos para comer o polbo polo San Froilán”. Durante a súa intervención agradeceu aos simpatizantes e afiliados o seu esforzo por compartir o seu tempo, e tamén por pagar os 27 € da entrada deste xantar.

No seu discurso de benvida o candidato popular, Ramón Carballo, destacou a necesidade de que haxa un cambio no goberno de Lugo e manifestou que o Partido Popular é a única alternativa porque  “temos proxecto e modelo de cidade fronte a parálise e o déficit de xestión do goberno socialistas”.

Carballo amosou o seu convencemento de que é posible gañar estas eleccións “se somos quen de xerar unha ola de ilusión e de cambio”. Para o alcaldable “todos temos a responsabilidade de iniciar esa ola e, se todos xuntos poñemos forza e empeño esa ola será un un tsunami que arrase coa parálise, a desorganización, descontrol e o sectarismo do partido socialista tanto no concello de Lugo como na Deputación”.

O candidato á alcaldía tamén aproveitou a presencia do Presidente do PPdeG para advertirlle que “cando sexa alcalde os proxectos vitais para Lugo que ainda non estean concluídos estarán nos despachos do teu goberno. Asegúroche que son moi tenaz, dos que insisten”. O alcaldable tamén agradeceu o esforzo inversor da Xunta en infraestructuras como o colexio do Sagrado Corazón ou o barrio da residencia.