O PP critica a indefinición de PSOE e BNG ao non apoiar unha proposta en defensa dos traballadores de Alcoa

By 25 Xuño, 2020 Economía

O Grupo Municipal do PP criticou a “pouca contundencia e a indefinición” do PSOE e do BNG que se abstiveron na proposta dos populares que pedía tanto a Lara Méndez como a Rubén Arroxo que se unan ao clamor dos traballadores da factoría mariñana na reclamación a Pedro Sánchez para que tome as medidas necesarias para garantir o futuro desta industria, que constitúe unha peza fundamental da economía da Mariña e do conxunto da provincia de Lugo.

Desafortunadamente, cumpríronse os peores prognósticos e, neste momento, a factoría de Alcoa en San Cibrao enfróntase á ameaza real de poñer fin á produción de aluminio primario, unha materia básica e esencial para a nosa economía, especialmente para sectores moi importantes como a construción, a automoción ou as TIC, por citar algúns exemplos.

Con todo, a peor das noticias é que esta decisión anunciada pola multinacional pode supoñer a perda de 700 empregos entre directos e indirectos, afectando á todas as familias que viven desta industria, especialmente na Mariña Lucense.

Esta situación prodúcese porque non dispoñemos dun prezo eléctrico competitivo co resto de Estados europeos. O Goberno de España, que ten a competencia sobre a lei do sector eléctrico, leva 19 meses sen atender ao que lle dicimos desde Galicia: aprobación inmediata dun Estatuto para os consumidores electrointensivos que teña en conta as alegacións feitas pola Xunta, en consenso coa industria e cos traballadores afectados. Unhas alegacións que comparten os Gobernos de Asturias e Cantabria.

Polo tanto, non hai más tempo que perder e o Goberno central debe asumir como máxima prioridade a aprobación urxente dos mecanismos que permitan contar cun prezo eléctrico competitivo e estable para a factoría de Alcoa San Cibrao e o conxunto da industria electrointensiva galega para que poidan operar en igualdade de condicións co resto de Europa.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal Popular presenta a seguinte proposición para a aprobación polo Pleno da Corporación dos seguintes ACORDOS:

– Manifestar o apoio da institución aos traballadores e traballadoras afectados directa e indirectamente polo anuncio de peche da produción de aluminio en Alcoa San Cibrao.

– Solicitar ao Goberno de España que sexa contundente á hora de defender a continuidade da produción de aluminio primario en España e busque unha solución inmediata para que non paren as cubas, así coma para que ningunha persoa traballadora perda o seu emprego, que inclúa as seguintes medidas:
 Aprobar de maneira inmediata o Estatuto de Consumidores Electrointensivos coas alegacións presentadas ao borrador polos traballadores, os gobernos de Asturias, Cantabria e Galicia e pola propia industria electrointensiva.
 Convocar urxentemente a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre de 2020, polo menos, co mesmo importe que o pasado ano, con bloques de MW para as empresas hiper-electrointensivas.
 Autorizar o máximo importe permitido pola Unión Europea para compensar os custos indirectos de emisións de CO2.
 Elaborar un plan específico para este sector co obxectivo de optar aos fondos que ten previsto repartir a UE para impulsar unha recuperación sostible, equitativa, inclusiva e xusta a través dunha resposta eficaz en favor dunha Europa ecolóxica, dixital e resiliente.

– Solicitar da Xunta de Galicia que manteña a súa lealdade institucional e a súa oferta de colaboración co Goberno na posta en marcha destas medidas, como ten feito de maneira permanente desde que saltaron as primeiras alarmas en outubro de 2018.

Responder

nineteen − four =