Economía

O PSOE vota en contra da convocatoria dunha mesa de traballo para reactivar o barrio da Tinería

By 27 Setembro, 2017Outubro 2nd, 2017Sin comentarios

O PSOE votou en contra da proposta do Grupo Municipal do Partido Popular para crear unha mesa de traballo para reactivar o barrio da Tinería. Malia o voto negativo dos socialistas, a moción presentada polo Grupo Popular saíu adiante xa que o resto de grupos da corporación municipal amosaron o seu apoio a esta proposta.

No Pleno ordinario celebrado o pasado 27 de xullo o Grupo Municipal Popular presentou unha proposición para a elaboración dun Plan de Dinamización do barrio da Tinería que foi aprobada co voto favorable de todas as forzas políticas con excepción do Grupo Municipal do PSOE que votou en contra. O citado Plan incluiría propostas encamiñadas a continuar co proceso de recuperación iniciado xa hai varios anos pola Xunta de Galicia e o establecemento de novas dotacións do barrio.

Á vista de que o equipo de goberno aínda non deu os pasos necesarios para o cumprimento do devandito acordo plenario, consideramos que é preciso a constitución dunha Mesa de Traballo para a posta en marcha do Plan de Dinamización para deste xeito elaborar unha folla de ruta na que se recolla actuacións en materia social, cultural, seguridade, limpeza, control de actividades, incentivos fiscais dirixidos para o asentamento de residentes no barrio así como favorecer o emprendemento e as iniciativas empresariais, e que estaría formada polas forzas políticas con representación na Corporación Municipal, a Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno así como as asociacións veciñais e empresarias do ámbito municipal de Lugo que teñan intereses no barrio.

A constitución desta Mesa de Traballo debe ser con carácter urxente para deste xeito poder comezar a dar pasos na recuperación do barrio e no seo da mesma débese establecer as convocatorias cunha periodicidade adecuada.

Por todo elo o Grupo Municipal Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:

Constituír no prazo de dous meses unha Mesa de Traballo co obxecto de impulsar a dinamización do barrio da Tinería, integrada polas forzas políticas con representación na Corporación Municipal, representantes da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno, así como das asociacións veciñais e empresarias do ámbito municipal de Lugo que teñan intereses no barrio, e establecendo de forma expresa a periodicidade das súas convocatorias.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies