Aprobada a proposta do Grupo Popular con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller

By 28 Febreiro, 2019 Proposición, Transparencia

O Grupo Municipal do Partido Popular acadou a maioría do pleno para que se aprobara a súa proposta con motivo do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de Marzo.

A incorporación das mulleres ao mercado laboral, a permanencia no emprego e as súas condicións de traballo aínda están lonxe de producirse en condicións de igualdade.

As estatísticas seguen a revelar unha realidade desigual nas retribucións salariais, na promoción profesional, no acceso a sectores e ámbitos aínda fortemente masculinizados, así como tamén na presenza nas esferas de decisión. E a este escenario contribúe, certamente, a persistencia dos estereotipos de xénero; de aí que sexa preciso traballar en favor dun cambio cultural e de valores que modifique as actitudes e os roles que sustentan a desigualdade de xénero.

Un dos grandes retos para os vindeiros anos é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar. A desigual repartición das responsabilidades familiares e das tarefas do fogar constitúe un dos principais obstáculos para que a participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera laboral se produza de forma plena.

A conciliación e a xestión de traballos e de tempos é un problema que debe ser resolto tanto por homes coma por mulleres e debe ser facilitado e impulsado polas distintas administracións.

As empresas introducen de xeito voluntario no seu ordenamento interno cada vez en maior medida plans de igualdade con apartados específicos dedicados ás medidas de conciliación.

As medidas tanto de conciliación como de racionalización horaria teñen sen dúbida efectos moi positivos sobre a calidade do emprego e o benestar social. Está demostrado que as políticas de igualdade e nomeadamente as medidas de conciliación poden ser un importante alento ás políticas demográficas: sen conciliación e corresponsabilidade non hai posibilidades de desenvolver políticas demográficas sustentables e realistas.

Ademais, é fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia, a cultura ou o mundo do deporte.

Por último, non se pode esquecer que a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo é a violencia de xénero. A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.

A execrable lacra que representan todas as formas de violencia contra as mulleres teñen que centrar todos os esforzos das distintas administracións. Así o esixe a sociedade no seu conxunto xa que, nesta materia, só se conseguen avances se hai un compromiso integral desde todos os ámbitos, para seguir impulsando na axenda como un asunto prioritario, a loita contra todas as formas de violencia cara ás mulleres.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal Popular do Concello de Lugo solicita ao Pleno a adopción dos seguintes ACORDOS:

O Concello de Lugo insta ao Goberno do Estado á:
1. Aprobación da Lei de Igualdade Salarial para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres, neste ano 2019.

2. Aprobación da Lei de Conciliación e corresponsabilidade onde se teña en conta a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida personal e familiar, neste ano 2019.

3. Aplicación e cumprimento de todas as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero cuxa competencia sexa estatal e, con especial consideración aos cambios lexislativos aprobados e recollidos no Pacto.

O Concello de Lugo insta á Xunta de Galicia a:
1. Fomentar, en colaboración coas entidades locais, dunha banda medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorporen a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes nos nenos e nenas participantes nestas actuacións.

2. Continuar a desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero coas entidades de iniciativa social e extender estes programas ás empresas e as entidades locais de Galicia neste 2019.

3. Dar cumprimento e aplicar todas aquelas medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero que afecten ao seu ámbito competencial.

Instar o Concello de Lugo ao desenvolvemento do cuarto Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello, no que se contemplen medidas para a conciliación e a promoción do emprego feminino.


Responder

four + eighteen =