CulturaTransparencia

O PP ve “inadmisible” que o PSOE non esixa acreditar titulacións oficiais de inglés para traballar nas oficinas de Turismo e nos Museos

By 13 Xullo, 2018Xullo 16th, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide pedirá explicacións ao goberno local sobre os motivos de non pedir nos pregos de contratación da xestión das oficinas de turismo e dos museos nin do vello cárcere, un título que acredite o coñecemento de inglés ou facer unha proba de coñecementos, mentres que outros Concellos do resto de España si que solicitan títulos oficiais de idiomas, ademais de realizar, nalgún caso, probas orais para comprobar os coñecementos

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou que pedirá explicacións ao goberno local sobre os motivos de non esixir “un diploma acreditativo de coñecemento de inglés” no proceso de selección do persoal que traballará nos museos de Lugo.

Antonio Ameijide explicou que nos pregos para a xestión das oficinas municipais de turismo e dos museos reflíctese que “a supresión do requirimento do título oficial en inglés equivalente ao B1 é consecuencia da reflexión realizada sobre as necesidades reais da prestación do servizo… polo que para desenvolver dunha forma apropiada esta función requírese un dominio do idioma a nivel práctico, feito que, ás veces, un diploma non chega a asegurar totalmente”. Unha medida que contrasta con que si que pidan o título acreditativo Celga IV do galego.

Neste senso, o voceiro popular lamenta “a incongruencia” socialista no referente ao uso dos idiomas xa que para “asegurar” que os traballadores dos museos teñen un dominio fluído do idioma, o máis axeitado sería que acreditaran cun certificado oficial os coñecementos dun idioma e, logo, “realizar unha proba práctica para garantir o uso fluído” da lingua. “Eses requisitos serían o máis lóxico, pero o que Lara Méndez di nos pregos é que se fía máis do que diga a empresa adxudicataria sobre os coñecementos de idiomas dos traballadores que dun título oficial ou dun exame práctico”, afirmou o popular, xa que no prego establécese que “o dominio de inglés será acreditado pola empresa”.

Ademais, o voceiro popular destaca que hai en España numerosos concellos que si que solicitan títulos oficiais que “certifiquen” os coñecementos do idioma e, a maiores, realizan algún tipo de proba oral para certificar que se posúen os coñecementos necesarios para desenvolver as tarefas precisas do posto de traballo. Por exemplo, o Concello de Paradela solicita certificado oficial e proba de ata cinco idiomas diferentes para puntuar no concurso-oposición; o Concello de Ribadeo realiza unha proba oral; o Concello de Consuegra (Toledo) solicita certificado e, a maiores, realiza unha proba de idiomas a cada persoa que opta ao posto de traballo e no consorcio de A Coruña xa establecen que a entrevista persoal pode realizarse en calquera dos idiomas que acreditan coñecer.

Doutra banda, dende o Grupo Popular “agradecemos” que os socialistas por fin atenderan a nosa petición para ampliar o horario dos museos, xa que dado o aumento na afluencia de turistas á cidade era imprescindible tomar esta medida.

Este prego de contratación rexerá as condicións para os 5 museos da cidade, a oficina municipal de turismo e o punto de información turística de verán e sairá a licitación por un importe de 590.713,24€ por ano, un contrato cunha duración de 2 anos e a posibilidade de prorrogar o mesmo durante dous períodos máis, dun ano cada un.

 

Vello Cárcere

Doutra banda, tamén se sacou a licitación o contrato do vello cárcere que, curiosamente, “sae a concurso por un prezo moi semellante” ao da xestión dos cinco museos e as dúas oficinas. Ameijide sinala que este contrato se licita por 352.176,26€ por ano. “Case custa o mesmo xestionar o edificio do vello cárcere que cinco museos e dúas oficinas de turismo”, dixo o popular.

O voceiro popular tamén cuestiona o formato plantexado para a duración do contrato, cun ano garantido e a posibilidade de amplialo, ata un máximo de cinco anos, con catro prórrogas dun ano cada unha. “Falamos dunha figura permitida legalmente, pero que é moi rara na aplicación e que pode facer que empresas interesadas na xestión do vello cárcere decidan non optar ao contrato xa que só se lles garante un ano de contrato”, explicou o popular.

Os idiomas tamén son outra das “rarezas” deste contrato, xa que nos pregos de contratación “non se esixe” o coñecemento de idiomas estranxeiros aos traballadores do vello cárcere, “unha circunstancia estraña” tendo en conta que os socialistas queren que o vello cárcere “sexa un dos edificios da cidade chamados a atraer un gran volume de turistas e mesmo actuar como punto de información de turismo e axenda cultural”.

 

Erros dos pregos

Antonio Ameijide tamén detalla que hai unha incongruencia que pode desembocar “nunha impugnación” dos pregos. O popular explica que no prego de cláusulas administrativas particulares e o de prescipcións técnicas “non coinciden”. Ameijide asegura que no prego de cláusulas administrativas se valoran, ata un máximo de 12 puntos para cada eido, as propostas de dinamización cultural e de dinamización da biblioteca, mentres que no prego de prescipcións técnicas especifícase que a puntuación máxima nestes eidos será de un máximo de 6 puntos para cada un.

O voceiro popular pide ao goberno local “máis rigor e que lea o que asina” xa que non é a primeira vez que “detectamos e corriximos” os erros dos socialistas. “Xa está ben de ter que revisar e corrixir todo o que asinan”, afirmou Ameijide.

Ademais, o voceiro popular asegura que os socialistas descargan nos convenios colectivos a posibilidade de subrogar aos traballadores, sen especificar nas bases de contratación a obrigatoriedade ou non de realizar a subrogación, deixando aos traballadores “no vacío”.

No que se refire ao vello cárcere, o propio convenio establece que a subrogación será aplicable a todos os traballadores e traballadoras fixos, incluso os que se atopen en obra ou servizo determinado e a administración pública “deberá reflejar en el correspondiente pliego de condiciones, la existencia de la subrogación prevista en este artículo”.

Ameijide afirma que “é certo” que se fala de subrogación pero “o deixan sen concretar”, pero o convenio establece que ten que quedar clarexado nos propios pregos de contratación, cousa que “non se fixo”.

No que se refire aos traballadores dos museos e das oficinas de turismo se atopan nun caso semellante. Segundo o convenio establécese que “al finalizar la concesión de una contrata los trabajadores de la contratista saliente pasarán a ser adscritos a la nueva titular de la contrata que se subrogará en todos los derechos y obligaciones”. Por iso, Ameijide pide claridade aos socialistas e que corrixan todos os erros existentes.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies