ProposiciónTransparencia

O PP reta a Lara Méndez e Álvaro Santos a que acepten que se deixe gobernar á lista máis votada nas eleccións municipais

By 16 Outubro, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que os lucenses non teñen que ver como a vontade da maioría se ve freada de novo por pactos entre partidos que, “arrogándose á capacidade de interpretar a vontade popular ao seu antollo”, situaron no goberno formacións que os veciños non votaron

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo defenderá no vindeiro pleno unha proposta para que se apoie o principio democrático de que goberne a lista máis votada e así garantir que a vontade popular non se vexa alterada ou revogada por pactos postelectorais dos perdedores das eleccións.

Neste senso, Antonio Ameijide reta a Lara Méndez e Álvaro Santos a que recollan a luva e digan publicamente que aceptarán a opción elixida polos cidadáns para gobernar. Incluso, o voceiro popular pregunta aos socialistas se respectarán aos vencedores das eleccións e a orde das súas propias listas no caso de que as imputacións de Lara Méndez obriguen ao PSOE a facerlle un ‘Orozco’ á desesperada á rexedora, tendo a Álvaro Santos na recámara.

Desde o Grupo Popular se defende esta iniciativa baixo o argumento de que os concellos son as administracións públicas máis próximas aos cidadáns, aquelas que, no ámbito das súas competencias, ofrecen unha resposta inmediata ás súas demandas mellorando as súas condicións de vida, promovendo as infraestruturas sociais e económicas necesarias, entre outras actuacións en beneficio dos seus veciños.

Ante esta realidade e a gran importancia que teñen os gobernos locais nas súas vidas, os cidadáns deben ter garantido que a súa vontade, expresada nas urnas, non se ve alterada ou revogada por pactos postelectorais que desvirtúan e anulan o mandato da maioría.

O voceiro popular explica que tralas eleccións municipais do ano 2015 “asistimos” en toda España, e no Concello de Lugo tamén, a pactos entre diversos partidos que, “arrogándose á capacidade de interpretar a vontade popular ao seu antollo”, situaron á fronte de moitos gobernos locais “a coalicións de perdedores” respecto das que os veciños opinaron, a través dos seus votos, que non desexaban que lles gobernaran.

O Concello de Lugo “é un claro exemplo” desta situación, onde Lara Méndez chegou á alcaldía desde o número 2 da lista do PSOE, e sen que o seu partido gañara os comicios, por mor “das imposicións” dos partidos que “optaron por obviar” a vontade da cidadanía. Con esta decisión, tanto PSOE, como Lugonovo e BNG “someteron” aos lucenses a catro anos de parálise e inacción, “unicamente por non deixar gobernar ao Partido Popular, o partido que gañou as eleccións. Apoios entre perdedores que teñen facturas moi caras, como a que vimos a semana pasada coa retirada da ordenanza cívica para o Concello de Lugo”.

Por iso, o Grupo Popular pedirá ao pleno o seu apoio para solicitar o que “consideramos necesario e urxente”: a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral para que se adapte á realidade da sociedade española e garanta aos cidadáns que a opción política que gozou da súa confianza maioritaria e foi a vencedora nas eleccións municipais teña a posibilidade de gobernar efectivamente.

Para acadalo, o PP propuxo no Congreso dos Deputados unha reforma da LOREG que conxuga o principio de proporcionalidade coa articulación dun sistema correctivo, co obxectivo de ofrecer solucións tanxibles aos problemas de estabilidade, gobernabilidade e seguridade xurídica das entidades locais.

Dita reforma propón o establecemento dun sistema de dobre volta electoral para as eleccións municipais e locais, un sistema no que se poden distinguir tres posibles escenarios: que unha opción política obteña a maioría absoluta o que supoñería que automaticamente tería a maioría dos concelleiros no consistorio correspondente; que unha candidatura alcanzase o 35% dos sufraxios emitidos e superase en cinco puntos á seguinte opción, polo que neste caso outorgaríase a esa lista gañadora a metade máis un dos concelleiros do consistorio mentres que o resto atribuiríanse a través do actual sistema previsto na LOREG; e que unha candidatura alcanzase o 30% dos sufraxios emitidos e superase, polo menos, en dez puntos á seguinte opción, polo que neste caso tamén se outorgaría a esa lista gañadora a metade máis un dos concelleiros do consistorio mentres que o resto atribuiríase a través do actual sistema previsto na LOREG.

Só no caso de que non se cumprisen ningún dos escenarios anteriores recorríase a unha segunda volta electoral á que só poderían concorrer aquelas candidaturas que na primeira convocatoria alcanzasen o 15% dos sufraxios. Nesta segunda volta, outorgaríanselle a metade máis un dos concelleiros do consistorio a aquela candidatura que obtivese polo menos o 40% dos votos ou superase en 7 puntos á seguinte opción. O resto de concelleiros atribuiríanse a través do actual sistema previsto na LOREG.

Para Antonio Ameijide estamos a falar duns mecanismos e procedementos que “non vulneran” as premisas constitucionais aplicables ao réxime electoral xeneral e que pretenden favorecer a transparencia nos procesos electorais e a gobernabilidade e estabilidade das entidades locais.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies