O PP reitera a necesidade de convocar antes do final de curso as becas para material escolar

By 22 Agosto, 2018 Educación, Servizos sociais

A concelleira do Grupo Municipal do PP Mari Teijeiro lamenta o excesivo retraso que  sofren, un ano máis, as becas para material escolar das que aínda non se sabe nada a menos dun mes para o comezo do curso, o que provocará que de novo os menores regresen as aulas sen estas axudas, de vital importancia para moitas familias para comezar o curso

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, lamenta que, un ano máis, as axudas para material escolar do Concello de Lugo chegarán “moi tarde” ás familias lucenses que as precisan para afrontar o comezo do curso escolar.

Mari Teijeiro afirma que estamos na segunda quincena do mes de agosto e o equipo de goberno aínda non rematou a elaboración das bases que rexerán a adxudicación destas axudas. A popular explica que “non se pode consentir máis esta inacción” dos socialistas que presumen de ser un goberno municipal que se preocupa polos cidadáns pero que “se enrocan ano tras ano no mesmo erro”.

A concelleira popular di que as bases das axudas para material escolar terían que publicarse entre maio e xuño e así ter as axudas concedidas antes do comezo do curso seguinte, para así “garantir” que os nenos e nenas comecen o curso con todo o material preciso, algo que agora non sucede e que “agrava as desigualdades”. “É moi triste ver como moitas familias non poden afrontar o custo do comezo escolar, polo que os rapaces tardan en ter todo o material necesario, circunstancia que tamén fai máis lento o traballo do persoal docente”, explicou a popular.

Mari Teijeiro afirma que non é complicado ter as axudas resoltas antes do comezo do curso escolar e para iso pon como exemplo outros concellos galegos, como o de Santiago, que xa teñen todas as solicitudes de axuda no seu poder a comezos de agosto para resolver as axudas antes do comezo do curso. No Concello de Vigo pechouse o prazo para presentar solicitudes o 27 de xuño e, incluso, o Concello de Ferrol aposta decididamente por estas subvencións, xa que multiplica por dez a inversión que realiza o Concello de Lugo (385.000€ destina o Concello de Ferrol fronte aos 36.500€ do Concello de Lugo).

Neste senso, os populares, que presentaron un rogo ao equipo de goberno pedindo un incremento da partida adicada a estas axudas, lamentan a resposta dada polo goberno local que asegurou aumentar o orzamento total ata os 40.000€, unha contía “escasa” xa que non abonda para atender as solicitudes de todas as familias que, cumprindo as bases, teñen dereito a recibir estas becas xa que “non é a primeira vez que numerosas familias quedan fóra destas axudas e sen que se chegue a executar todo o orzamento dispoñible”.

Por iso, Mari Teijeiro insta ao Concello que ademais de “ter unha previsión que permita resolver en tempo e forma estas axudas, de maneira que cheguen ás familias antes de comezar o curso”. Teijeiro non entende “como é posible que se todos os anos hai estas axudas, dende o equipo de goberno non sexan capaces de ter previsto unha resolución máis áxil”.

Para Teijeiro “non existe xustificación algunha para esta falta de previsión”, que vén a ratificar que “as prioridades do goberno non son as mesmas que as dos lugueses”.

Responder

fifteen − 6 =