O PP lamenta o “complexo de inferioridade” do goberno de Lara Méndez os leva a boicotear as inversións da Xunta no barrio da Residencia

By 28 Agosto, 2018 Infraestruturas, Urbanismo

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia que a alcaldesa de Lugo non asinou a proposta de convenio que recibiu en xuño de 2017 e tampouco resolveu nin a licenza de obra nin o estudo de detalle presentados pola Xunta de Galicia, o que bloquea un investimento de case 10M€ da Xunta de Galicia no barrio da Residencia

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, puxo de manifesto o “complexo de inferioridade” que teñen os membros do goberno local o que provoca que “paralicen e boicoteen” os investimentos previstos pola Xunta de Galicia no barrio da Residencia e outras inversións que o goberno galego ten previsto facer en Lugo.

Antonio Ameijide denuncia que o Concello de Lugo aínda non concedeu a licenza de obra á Xunta de Galicia para comezar os traballos previstos no complexo do antigo hospital Xeral, onde o goberno autonómico ten previsto abrir un novo centro integral de saúde, un centro de atención sociosanitaria, un centro público de innovación, unha oficina de formación e emprego e unha planta de distribución de enerxía de biomasa.

Segundo explicou o voceiro popular Lara Méndez e o seu equipo “están a bloquear” os intentos da Xunta por rexurdir o barrio xa que a cada proposta que realiza o goberno galego “o silencio” é a resposta dos socialistas.

O 28 de xuño de 2017 a Xunta presentou unha proposta de convenio de colaboración ao Concello, proposta á que o Concello de Lugo realizou varias obxeccións, polo que o 8 de setembro dese ano a Xunta achega un novo borrador no que se incluían as modificacións solicitadas polo goberno local. “Dende entón o silencio é a resposta do Concello de Lugo, pese as reiteradas solicitudes da Xunta para a colaboración entre administracións e lealdade institucional para levar adiante un proxecto moi necesario para este barrio”, afirmou o popular.

O 28 de xuño de 2017 tamén se presenta o anteproxecto de obra para esta intervención.

O 27 de decembro de 2017 se presenta o estudo de detalle para a urbanización da antiga parcela da Residencia, que contaba co informe favorable da Consellería de Sanidade, estudo ao que Concello de Lugo aínda non resolveu.

O 18 de xullo de 2018 a Xunta presentou a solicitude de licenza de obra para o cal rexistrou o proxecto básico de obras para a construción do Centro Integral de Saúde e o Centro de Emprendemento do barrio da Residencia, que conta cun orzamento de 9.783.210,30€ que, a día de hoxe tampouco obtivo resposta do Concello de Lugo.

Por iso, Antonio Ameijide pon de manifesto que aínda non comezaron as obras na Residencia “pola cabezonería” de Lara Méndez, xa que a rexedora e o seu equipo de goberno “non paran de dar largas” á Consellería de Sanidade.

Unha actuación que demostra “o freo” que Lara Méndez lle pon á recuperación deste barrio, no que o único que fixo foi “facerse unha foto para inaugurar unha banda redutora de velocidade” e bloquear case 10M€ de inversión da Xunta.

Responder

17 + two =