O PP denuncia que os socialistas tardan máis de catro anos, de media, en resolver as reclamacións por responsabilidade patrimonial

Baches Rúa San Vicente

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explicou que os diferentes gobernos socialistas de Lugo sumiron os servizos municipais na “parálise” o que queda patente nunha reclamación por responsabilidade patrimonial na que o Concello de Lugo tardou en resolver 2.785 días (case 8 anos) para admitir a súa responsabilidade por un golpe dun colector do lixo a un vehículo, que supuxo un custe para as arcas municipais de 426€

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, afirmou que a “parálise” na que Lara Méndez, o seu equipo e os anteriores gobernos socialistas sumiron ao Concello de Lugo os leva a que tardan unha media de 1.598 días en resolver reclamacións por responsabilidade patrimonial, uns catro anos e medio.

Antonio Ameijide explicou que no que vai de ano o goberno local só resolveu sete reclamacións de responsabilidade patrimonial (son nas que o goberno local estimou que tiña responsabilidade) mentres que o resto se desestimaron. Entre as reclamacións estimadas “chama poderosamente a atención” que o 5 de xuño se estimou unha reclamación dun veciño que pediu ao Concello responsabilidades xa que o seu vehículo recibiu un golpe dun colector do lixo, accidente que tivo lugar en setembro de 2010. “Tardaron en respostar a este veciño 2.785 días en respostar esta reclamacións, que supuxo un custe mínimo para o Concello, de 426€”, afirmou o popular.

Pero a demora na resposta a estas reclamacións non é un caso único, xa que no que vai de ano estimaron outras que se presentaron nos anos 2013, 2014 e 2015. Segundo o popular, o Concello de Lugo está a “fallar” aos lucenses por mor da “parálise” na que os socialistas sumiron todas as dependencias municipais, froito do desmantelamento dos servizos municipais que os socialistas levan facendo nos últimos 19 anos.

No que vai de ano, cada unha das reclamacións por responsabilidade patrimonial estimadas polo Concello tiveron un custo medio de 1.081,25€ (7.568,73€ en total), sendo a maior delas unha reclamación por valor de 4.376,80€ por mor dunha filtración de augas a unha comunidade de veciños a raíz dunha fuga de auga entre a Ronda das Fontiñas e Carril das Hortas.

 

Custas xudiciais

Antonio Ameijide tamén desvelou que moitas das reclamacións por responsabilidade patrimonial presentadas por lucenses non se estimaron por parte do Concello e, pese a iso, supuxeron un custe para as arcas municipais xa que foi o xulgado o que estimou a responsabilidade municipal e condenou ao Concello a pagar diversas reclamacións.

No que vai de ano, o Concello de Lugo xa tivo que pagar 41.079,84€ en concepto de costas xudiciais e sentencias nas que condenan a pagar danos por responsabilidade patrimonial, que en primeira instancia denegou o Concello.

O voceiro popular asegura que “queda demostrado que os socialistas queren evadir a súa responsabilidade ao desestimar numerosas reclamacións por responsabilidade patrimonial nas que logo, a través de sentencia xudicial, queda claro que existe esa responsabilidade”.

Por todo isto, Antonio Ameijide anunciou que realizarán varias preguntas ao goberno local para coñecer cantas reclamacións patrimoniais ten pendentes de resolución o Concello de Lugo e a que data corresponden, para coñecer se aínda hai reclamacións de varios anos atrás pendentes de resolver.

Responder

ten + 17 =