EconomíaTransparencia

O PP denuncia que Méndez triplica para o vindeiro pleno o que vai pagar 1.7M€ con reparo de legalidade

By 20 Abril, 2018Abril 23rd, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia que de novo o goberno local quixo “escudarse” nos funcionarios e na tramitación administrativa para “tapar” a súa incapacidade de gobernar e de xestionar o Concello de Lugo

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, ve como “unha tomadura de pelo” que Lara Méndez leve ao pleno da próxima semana un novo recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 1.744.437,24€, dun total de 20 facturas. Deste total, so unha factura, por importe de 40.456,66€, non ten reparo de legalidade.

Antonio Ameijide explica que nesta ocasión son 20 as facturas que se someterán á aprobación do pleno, nunha nova demostración de “falta de gañas de traballar” por parte de Lara Méndez e do seu equipo porque pensan que con “constantes” recoñecementos extraxudiciais de crédito e asinando reparos de legalidade todos os meses se solucionan os problemas. A única vía para solucionar este problema “é poñerse o mono de traballo e sacar adiante os pliegos de contratación” para os 22 servizos co contrato caducado ou sen contrato que hai no Concello de Lugo.

O voceiro popular lamenta a “ineficacia e inoperancia” do goberno socialista que xa ten o Concello acostumado “aos reparos de legalidade e aos servizos sen contrato”. Ameijide lamenta que “pese á insistencia” do interventor que “unha e outra vez” recorda que “este xeito de actuar supón unha quebra do propio concepto de presuposto e dos principios de anualidade” Lara Méndez segue “ao seu” sen escoitar ás recomendacións dos técnicos municipais. Incluso, afirma o popular, o interventor insistiu en reiteradas ocasións “na necesidade de promover o correspondente expediente de licitación para numerosos servizos, especialmente para o de enerxía eléctrica, que agrupa, periodicamente, centos de facturas”.

O popular recorda que no pleno do mes de marzo xa se someteron a aprobación 889 facturas por valor de 566.667,21€, englobadas en dous reparos, e, agora con “moitas facturas menos” os socialistas someten a aprobación 1.744.437,24€, “é dicir o triple que no anterior pleno”.

Ameijide lamenta que “o erro está na orixe”. O voceiro popular afirma que Lara Méndez “é incapaz” de gobernar Lugo, coordinar ao seu equipo e, sobre todo, incapaz de estar á altura do que Lugo e os lucenses merecemos.

Antonio Ameijide afirma que dende o Grupo Municipal do Partido Popular “temos claro que nalgún intre teremos que poñer freo a esta situación irregular” algo para o que os socialistas terán que comezar a traballar e iniciar os procesos de licitación dos pliegos de contratación dos servizos en situación “irregular” para que o Concello de Lugo deixe de estar nesta situación e acadar aforros nestes servizos de ata o 30%.

 

Exemplos destacados

Entre as facturas que se levarán ao pleno destacan os 22.025,31€ do servizo de atención telefónica aos cidadáns 010 (caducado o 19 de decembro do 2015), os 88.896,80€ polo mantemento das zonas verdes (caducado o 17 de marzo de 2017), 576.403,40€ do ciclo da auga (caducado o 23 de novembro de 2011) 303.839,34€ da limpeza das dependencias municipais (caducado o 10 de setembro de 2014) e 567.937,76 da recollida de lixo na cidade (caducado o 31 de marzo de 2017) 8.008,34 pola xestión do Edificio de Novas Tecnoloxías e do Vello Cárcere, que directamente nunca se sacaron a licitación.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies