O PP denuncia a aparición dun novo vertedoiro ilegal en Muxa

By 6 Abril, 2018 Urbaser, Zona rural

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López asegura que no Concello de Lugo seguen a aparecer novos vertedoiros incontrolados xa que o goberno local non se preocupa de poñer coto a este tipo de actos que supoñen un risco para o medio ambiente e tampouco se preocupa de publicitar e ampliar o horario do punto limpo para facilitar o acceso da cidadanía a este punto

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denuncia a aparición dun novo vertedoiro ilegal no Concello de Lugo, concretamente na parroquia de Muxa, detrás da urbanización As Regas. O popular asegura que a pasividade dos socialistas ante este tipo de delitos medioambientais e a “nula publicidade” do punto limpo propicia a aparición de puntos dispersos no municipio nos que se depositan electrodomésticos, pneumáticos e restos de obras, entre outros residuos.

Manuel López asegura que en Muxa apareceron seis neveiras, colchóns, restos de podas e sinais de tráfico, entre outros residuos, o que produce “un grave dano medioambiental na zona” xa que, por exemplo, os electrodomésticos están a soltar líquidos “altamente daniños” para o medio natural. Ademais, estes residuos “taponan” unha canalización de auga o que provoca que a auga se desborde ao non poder seguir a canalización e anegue propiedades privadas.

O concelleiro popular pedirá en comisión ao goberno local que “limpe inmediatamente” esta e outras zonas nas que se depositan residuos ilegalmente e que tome as medidas oportunas para evitar que se repitan situacións deste tipo. Manuel López explica que entre as medidas propostas se atopa publicitar correctamente o punto limpo e amplíe o horario para facilitar que a cidadanía deposite alí os residuos para facilitar o correcto tratamento dos mesmos.

Responder

11 + 17 =