O PP critica que Lara Méndez non fixo nada pola mellora da mobilidade e o estacionamento durante o 2017

By 5 Xaneiro, 2018 Zona ORA

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, amosou a súa preocupación despois de que a alcaldesa consumara “outro ano perdido” en materia de mobilidade despois de pechar o ano 2017 “como outro ano en branco” e mentres se permite ir a Bruselas a “dar leccións de mobilidade” a realidade amosa que en Lugo segue a suspender nesta materia da que “non ten nin apuntes”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou hoxe que pedirá inmediatamente a convocatoria inmediata da Comisión Técnica para o servizo do Sistema ORA para buscar unha solución para o tráfico e o estacionamento na cidade xa que hai zonas nas que o comercio está a sufrir danos “irreparables”. Entre os comerciantes do casco histórico aumentan as queixas e o malestar. “A perda de ingresos que están a sufrir os comerciantes do centro é unicamente por mor dos problemas de aparcamento, que alonxan aos cidadáns dos seus comercios. Temos que conseguir que a xente poida aparcar, realizar as súas xestións e que deixe o sitio para outro cidadán que tamén precise achegarse ata o centro para facer calquer trámite”, dixo Ameijide.

O voceiro popular recordou que onte se cumpriron dous anos dende a derradeira e única vez que se convocou a comisión da ORA, creada a iniciativa do Partido Popular, e tamén lamentou que o ano 2017 foi “un ano perdido” para Lugo en materia de mobilidade xa que Lara Méndez non moveu “nin un só dedo” para tentar arranxar os problemas de estacionamento, e todo, a pesar de que cando o 31 de xullo do ano 2015 suspendeu o sistema ORA asegurou que en oito meses a cidade contaría de novo cun sistema de rotación de vehículos semellante. Unha situación que se ve agravada en datas como nas actuais, nas que os atascos no centro da cidade e na Ronda da Muralla colapsan o tráfico nas principais vías da cidade.

Antonio Ameijide lamentou tamén que “a lentitude e a pasividade” seguen a ser as respostas que o goberno de Lara Méndez da aos cidadáns. O voceiro popular non comprende como a alcaldesa e o seu equipo non se “poñen as pilas” para arranxar os problemas máis urxentes que hai na cidade, entre eles o de mobilidade, xa que os cidadáns reclaman insistentemente un sistema de rotación de vehículos.

Neste senso, é “alarmante” que a rexedora aínda non deu solución para a ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados, nin mellorou o transporte público de Lugo, tampouco se preocupou por dar máis seguridade en ningún dos cruces perigosos da cidade e nin se acordou de poñer en marcha o plan específico de tráfico para o casco histórico. Todas estas medidas, agás a dos aparcamentos soterrados, aprobadas en pleno a iniciativa do Partido Popular.

O popular explicou que hai diferentes posibilidades sobre a mesa, entre elas a xa proposta en numerosas ocasións polo Grupo Popular, e que se chegou a levar a pleno, para apostar por un sistema gratuíto para a rotación de vehículos, xa que axudaría moito a solucionar o problema de aparcamento que hai na contorna do casco histórico. Ameijide tamén recorda que Lara Méndez anunciou en marzo de 2017 a creación de 600 prazas de estacionamento en 7 aparcadoiros disuasorios, pero queda demostrado unha vez máis que “só lle interesaba a foto” porque dende entón nada máis se soubo destas zonas de estacionamento.

Responder

seventeen − 14 =