PoliciaServizos sociaisTransparencia

O PP asegura que o Valedor do Pobo da un novo tirón de orellas á xestión de Lara Méndez

By 16 Abril, 2018Abril 17th, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide revela que despois de comprobar “a pasividade e a desidia” coa que os socialistas tratan aos requirimentos do Valedor do Pobo agora entendo “como tratan aos cidadáns e as súas reclamacións”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que o Valedor do Pobo, que é o máximo expoñente para velar polos dereitos e liberdades recollidos no título I da Constitución Española, tivo que dar “un novo tirón de orellas” ao goberno de Lara Méndez e á súa xestión municipal.

Antonio Ameijide afirma que “a pasividade e a desidia” coa que os socialistas atenden aos requirimentos do Valedor do Pobo pon de manifesto o trato que tamén “lles dispensan” a todos os lucenses xa que se “nin sequera atenden os recordatorios de deberes legais pedindo respeto á legalidade” que efectúa o propio Valedor do Pobo “como van atender as peticións de cidadáns anónimos”.

O voceiro popular desvela que no último informe emitido polo Valedor do Pobo se realizan ao Concello de Lugo “numerosas advertencias enérxicas” esixindo, sobre todo, en tres casos concretos, “nos que tiveron que requirir en máis de dúas ocasións ao Concello resposta”.

O popular destaca que os socialistas incumpren “o deber de colaboración” que o Valedor do Pobo denuncia lamentando que o Concello de Lugo non realice “o deber específico de que as administracións afectadas informen no prazo no que lles require o alto comisionado parlamentario” engadindo que en tres queixas houbo que reiterar, “en máis de dúas ocasións”, a petición de informe ao Concello de Lugo.

Unha situación que se repite ano tras ano no Concello de Lugo, xa que no derradeiro informe os socialistas comprobaron como o Valedor do Pobo admitiu a trámite nove queixas de lucenses porque se “vulneraban” os seus dereitos por parte do goberno local.

Entre as queixas que aparecen no informe destacan dúas. Por unha banda, o cumprimento dos horarios do establecementos de hostalería e, por outra, o “nulo” control do Concello no cobro de recibos.

Ameijide explica que foi o Valedor do Pobo o que tivo que recordarlle ao Concello de Lugo a súa “competencia” para controlar os horarios de peche dos establecementos de hostalería. O popular afirma que os socialistas, unha vez máis, “botaban as culpas á Xunta, da que dicían que tiña a competencia sobre o control horario. Ante esta situación o Valedor do Pobo entrou no fondo do asunto e comproba que o control horario corresponde ao Concello de Lugo.

Pese a iso, a Consellería de Vicepresidencia aproba a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación “na que encomenda de novo y clarifica, aínda máis a competencia municipal para o control dos excesos nos horarios”. Ante esta nova lexislación, o Valedor do Pobo afirma que “o problema xa está solucionado” pero para Lara Méndez non quedaba claro e, de novo no informe do 2017, hai máis queixas e o Valedor do Pobo requírelle de novo á rexedora o cumprimento da legalidade e que asuma as súas competencias.

Ameijide lamenta que o goberno local siga a “desatender” as súas competencias como fai en “numerosos ámbitos” nos que sempre “botan balóns fóra”, polo que o Valedor do Pobo ten que recordarlle a Lara Méndez a súa competencia para controlar os horarios. Neste senso, o Valedor do Pobo sentenza que “a anterior discrepancia xa non existe e agora o Concello recoñece a súa competencia para sancionar os incumprimentos”.

“É curioso que teñan que chegar dous informes do Valedor do Pobo para que o Concello faga cumprir a lei”, afirma o voceiro popular.

Outra queixa chamativa é sobre o descontrol no Concello de Lugo sobre o cobro de recibos. Un reclamante acudiu ao Valedor do Pobo xa que o Concello de Lugo ditou unha providencia de apremio por un recibo polo imposto de vehículos de tracción mecánica de 2017 polo que procederon a embargar a súa conta cando o vehículo figuraba de alta noutro Concello. O Valedor do Pobo actúa e obriga ao Concello á devolución dos 152,03€ embargados de xeito improcedente ao administrado.

Tamén se podería destacar a solicitude dun dependente, cunha axuda a domicilio concedida no ano 2011, que non chegou a recibir a prestación xa que o Concello di que as coidadoras “están desbordadas” e non hai horas dispoñibles, polo que lle ofrecen teleasistencia, o que, segundo o Valedor do Pobo, “non resposta ás necesidades” do dependente.

Ante esta situación de “indefensión” de moitos lucenses, o Grupo Popular efectuará preguntas en comisión para coñecer a que se deben estes e outros casos denunciados ante o Valedor do Pobo e para saber cal é o proceder do Concello de Lugo para evitar novas irregularidades e acadar unha administración que “solucione os problemas dos lucenses en lugar de crear novos atrancos”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies