Transporte urbano

O PP asegura que dende que Lara Méndez é a alcaldesa de Lugo o transporte público está “en caída libre” de viaxeiros

By 2 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia que pese ás “reiteradas” preguntas rexistradas polos populares aínda “non nos facilitaron” ningún dato sobre o custo real do transporte na cidade, unhas cifras que os socialistas “non fan públicas” dende o ano 2014

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que a “nefasta” política de mobilidade de Lara Méndez condena aos autobuses urbanos a seguir sen viaxeiros, despois de desvelar que dende que a rexedora chegou a alcaldía o transporte público perdeu case 80.000 usuarios.

Antonio Ameijide fixo esta afirmación despois de avaliar os datos facilitados polo goberno local que, pese a remitir os datos dun xeito “pouco transparente” non pode agochar a súa nefasta xestión do transporte. Para facer esta análise o voceiro popular tomo como referencia o prazo que vai dende xaneiro ata outubro dos anos 2015 e 2017, xa que do ano que vén de rematar o goberno local non facilitou os datos dos meses de novembro e decembro. En base a esta análise, Ameijide certifica que dende que Lara Méndez chegou ao Concello o transporte urbano “reducíu o número de viaixeiros en 76.933 usuarios”, unha baixada do 5% en tan só dous anos.

O voceiro popular asegura que a reducción do número de viaxeiros “é alarmante” nalgúns meses. “Por exemplo, se comparamos o mes de xullo do ano 2015 e 2017 a reducción do número de usuarios é de 39.933 viaxeiros, unha reducción do 31%, uns datos que amosan que as liñas de transporte urbano da cidade non son nin atractivas nin útiles para os cidadáns”, explicou Ameijide.

A reducción do número de usuarios deixa como consecuencia que o 70% das liñas de autobús urbano de Lugo perden viaxeiros. Ameijide avaliou un día normal do mes de outubro dos anos 2016 e 2017 e os números “non son para preocupados”. Comparando o mesmo xoves de outubro os autobuses das 23 liñas avaliadas perden 473 viaxeiros no prazo dun ano. Incluso hai unha única liña que perde 100 usuarios e outras que perden entre o 28 e o 59% de viaixeiros, o que pon de manifesto “o mínimo servizo” que as liñas actuais lle dan aos cidadáns.

Unha comparación que é “complicada” de facer, xa que o goberno de Lara Méndez segue a “poñer trabas” á labor de oposición do Grupo Popular. Antonio Ameijide explicou que “pese a que remitimos as preguntas o 2 de agosto tivemos que reiterar a nosa petición o 16 de novembro. Preguntas ás que respostaron o 28 de novembro, pero a alcaldesa non quixo autorizar o envio da resposta ata o 22 de decembro, un mes máis tarde”. Na resposta remitida ao Grupo Popular non aparecen os datos solicitados sobre os ingresos e gastos de explotación e o beneficio industrial, é dicir, o coste real do servizo, uns datos que os socialistas “non fan públicos” dende o ano 2014.

Como a situación se acentúa co paso do tempo e semella que Lara Méndez non quere poñer remedio o popular asegura que “queda demostrado” que os socialistas non teñen un modelo de transporte urbano para Lugo e, incluso, 21 meses despois da adxudicación do contrato deste servizo aínda non “avanzaron nada” na remodelación das liñas de transporte urbano da cidade. A adxudicación do contrato realizouse o 10 de febreiro de 2016, por un período de 10 anos cunha prórroga de outros 5 anos, e dende entón o equipo de goberno con Lara Méndez á cabeza non fixo absolutamente nada.

E todo a pesar de contar cunha empresa con experiencia internacional no sector e cunha flota de primeiro nivel, pero a incapacidade do goberno local impide modernizar o servizo, unha petición do Grupo Popular dende o ano 2015.

Unha parálise que ten como consecuencia que “a día de hoxe” os autobuses urbanos “non sexan unha alternativa real” para os lucenses, que ven como unha posibilidade mellor desprazarse nos seus vehículos particulares. Para Ameijide “ese ten que ser o obxectivo” que se ten que marcar Lara Méndez, conseguir que os vehículos “queden nas casas” e os lucenses vaian aos seus postos de traballo en transporte urbano.

Esta situación provoca que Lara Méndez “dilapide” case 61 millóns de euros de todos os lucenses (o valor estimado do contrato é de 60.799.083,42€) porque “é incapaz” de modernizar o sistema. Pero o máis grave para o voceiro popular é que non é capaz “de avanzar” na modernización do sistema e “dar unha resposta eficaz” ás necesidades dos cidadáns. O popular lamenta “a parálise” á que Lara Méndez somete aos lucenses, semella que “vai a 30 en todo o que fai” pero lonxe de “facer as cousas despacio e con boa letra, só vai despacio”.

Ante a parálise do goberno socialista, o popular asevera que o modelo de transporte urbano ten “demasiadas eivas” e se dende o equipo de goberno non son capaces de sacar un modelo atractivo, o que terían que facer “é escoitar” as propostas da oposición. Nesta liña, Ameijide di que “temos preparadas” numerosas propostas para o equipo de goberno como a gratuidade do transbordos, a actualización dos sistemas de información e a creación dunha APP para informar en tempo real dos percorridos, “cuestións de fondo que o goberno local deixou aparcadas”.

De estas medidas, o voceiro popular alude á gratuidade dos autobuses urbanos para menores de idade, persoas con escasos recursos, xubilados e pensionistas (unha proposta do PP aprobada en pleno), ao establecemento de tarifas planas para uso diario ou á creación de bonos semanais, mensuais e mesmo anuais para traballadores; así como a outras que, “sendo menores si mellorarían sensiblemente o atractivo dos autobuses urbanos, como a asimilación a un plano de metro ou a identificación das liñas por cores”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies