O PP afirma que Lara Méndez está ocultando información e facendo un exercicio de escapismo para non demoler o Garañón

By 22 Agosto, 2018 Infraestruturas, O Garañón

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explicou que hai case un mes que a Xunta de Galicia remitiu un informe “demoledor” ao Concello de Lugo no que se deixa “claro” que a única administración responsable da demolición do Garañón é o Concello de Lugo xa que foi a entidade que concedeu a licenza para construír nesa zona, ademais de obrigada á demolición por sentenza xudicial

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, afirmou hoxe que Lara Méndez está a realizar un exercicio de “escapismo” digno de mención no que se refire ás torres do Garañón.

Antonio Ameijide explica que a alcaldesa oculta dende finais de xullo un informe da Xunta de Galicia que fai que a alcaldesa e o seu equipo de goberno se topen de fronte contra a realidade. Nese informe explícase que “non compete á dirección Xeral de Patrimonio Cultural a emisión de ditames que supoñen a redacción do correspondente proxecto” para a demolición do Garañón o que supón que o Concello de Lugo, afirma o popular, “é a única administración responsable e condenada en sede xudicial a repoñer a legalidade”, xa que foi o Concello o que deu a licenza e permitiu construír na zona, polo que, segundo o informe da Xunta, “os servizos técnicos do concello saberán abordar as intervencións a realizar e fixar os criterios para as medidas a aplicar”.

O propio informe tamén establece que o Concello de Lugo “naquel momento de xeito activo e reiterativo non quixo recoñecer as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Patrimonio Cultural, levando aos promotores a unha situación onde os actos administrativos municipais semellaban dar amparo a unha situación antixurídica plenamente advertida pola Xefatura Provincial e a Dirección Xeral de Patrimonio” o que desembocou en que “o Concello de Lugo quixo interpretar por si e ante si forzando a semántica dos termos e que resultan agora nun inmoble edificado á vista de todos sen a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio”.

Unhas aclaracións que poñen de manifesto as “irregularidades” realizadas neste Concello, que xa quedaron patentes en sede xudicial, e pese a iso Lara Méndez leva anos “facendo un exercicio de escapismo” para evitar a demolición das torres dos seus padriños políticos, xa que foron os grandes defensores destas torres.

O voceiro popular é rotundo á hora de afirmar que o informe emitido pola Xunta de Galicia “é demoledor”, polo que neste tempo o único que fixo a alcaldesa e o seu equipo de goberno foi “estar de vacacións para seguir a  dilatar o cumprimento da sentenza”.

Unha demora que se ve acentuada coa “nula consignación” presupuestaria. “Isto demostra a intención de Lara Méndez”, explicou o popular, “seguir a defender as torres polas que Orozco e Besteiro están imputados e, de seguir así, Lara terá que dar explicacións en sede xudicial” de por que non cumpre unha sentenza xudicial de obrigatorio cumprimento.

Antonio Ameijide anunciou que pedirá a convocatoria inmediata da comisión de seguimento do Garañón para que Lara Méndez explique en que situación se atopa o Concello de Lugo e se a rexedora ten pensado facer algo no referente á demolición destas torres “se é que vai facer algo”.

Responder

20 + 18 =