DeportesObras

O PP ve o acondicionamento do entorno do Anxo Carro “outro Escorial” do PSOE

By 6 Marzo, 2017Sin comentarios

 O vicevoceiro popular Antonio Ameijide critica que “en tres anos nin o goberno de Orozco nin o de Méndez atoparon o momento de cumprir co que pactaron co PP no Plan de Investimentos para intervir nas inmediacións do estadio do CD Lugo”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, lamenta que o acondicionamento do paso soterrado ao Anxo Carro vaia camiño de converterse “noutro Escorial máis deste goberno local”, seguindo a estela doutras intervencións pendentes, “gardadas nun caixón e parece que cunha chave extraviada”. Nesa liña, o popular detalla que “o único que esiximos é que se cumpra o que xa está aprobado no Plan de Investimentos que o PP e o PSOE de López Orozco acordamos en 2014”, xa que “tendo en conta que esta alcaldesa é tan dada a vivir desas rendas, que menos que pedirlle que acabe de executar o que, tres anos despois, continúa sen ser realidade”. “Especialmente con casos cun custe económico tan reducido coma este e cun beneficio tan notable”, no que o que se reclama é que se acondicionen a entrada e a saída deste punto “tanto dende a entrada da cidade (ben dende A Cheda ou dende a Calzada da Ponte) como na saída cara ao Paseo do Miño e cara ao Pazo de Feiras e o Anxo Carro”.

En opinión dos populares, cómpre, paralelamente, realizar o acondicionamento dos sendeiros cara a este estadio de fútbol dende a explanada do Pazo de Feiras, para o que habería que estudar a posibilidade de dotalos de varandas e dun mellor pavimento. “Tanto no caso do paso soterrado como neste sendeiro, o peor non é o esvaradizos que se volven senón o risco de resbalóns e caídas que implican, ademais da evidente mellora de seguridade que promovería o feito de evitar a N-VI co perigo de atropelos que conleva”, reitera Ameijide, quen subliña que “esta intervención tan sinxela podería dar servizo ao Anxo Carro, ao Paseo do Miño e ao Pazo de Feiras e Exposicións”. “Tal é o estado de abandono que presentan estes pasos que o propio Ministerio de Fomento instou ao goberno municipal a sinalizar os itinerarios peonís de acceso ao estadio, dende a cidade ata os dous pasos inferiores existentes”, revela a popular en alusión a “unha intervención ben sinxela, cun custe económico ridículo, que evitaría que, malia ás medidas que adoptou o goberno central ao instalar un valado a ambos os dous lados da N-VI, siga habendo persoas que a atravesen, co enorme perigo que implica”.

Programa de estímulo para o entorno do Anxo Carro.-

Ademais, os populares propoñen a creación dun programa de estímulos para o entorno do Anxo Carro que, sumado ás dúas iniciativas anteriores, incorpore o estudo da creación de zonas de estacionamento gratuíto conveniadas con propietarios de terreos do entorno, a mellora na información na web do Concello dos horarios dos autobuses urbanos os días de partido, a sinalización dos itinerarios de chegada dende o centro e outros puntos de interese e a mellora no acceso dende a rúa Pousadela ao estadio, medidas das qu se beneficiarían lugueses e visitantes.

Finalmente, os populares avogan pola “oportunidade” de proceder á peonalización da Calzada da Ponte de xeito “consensuado con veciños e comerciantes, con alternativas que non provoquen o mesmo estrangulamento que a da ponte romana”. “O PP foi o primeiro en levar esta medida ao pleno aló por 2012 e pensamos que é hora de recuperala e situala na axenda municipal, estudando a posibilidade mixta de restrinxir a circulación en determinados horarios e datas”, puntualiza. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies