O PP teme que o bipartito “deixe na estacada” aos lucenses que precisen, en 2019, axudas ao aluguer

By 12 Setembro, 2019 Servizos sociais

O vicevoceiro do PP advirte que xa estamos “en tempo de desconto para convocar as axudas ao aluguer de 2019” lamentado que “a catro meses de acabar o ano ainda non se saiba nada da convocatoria desta subvención municipal” co que reclama ao goberno local que defina “prazos e o orzamentos”

O Grupo Popular acusa ao bigoberno de reiterar malas praxis de anos anteriores que afectan a persoas con situación de especial vulnerabilidade, con ingresos limitados ou a xóvenes. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide facía esta reflexión logo de comprobar que “a catro meses de que remate o ano se descoñece cando se van convocar as axudas municipais ao aluguer”. Para os populares “todo apunta a que se repetirá o fiasco de convocatorias anteriores e que, de novo, se vai deixar na estacada ás familias, e aos lucenses que precisan desta achega económica”.

Ameijide manifestou que “estamos en setembro e nin sabemos se hai diñeiro, os prazos ou se tan sequera se teñen intención de ofertar esta axuda aos veciños e veciñas de Lugo”. O popular afirma que “este retraso burocrático está enquistado e que polas trazas que leva repetiráse a mesma situación de anos anteriores”. “É unha contradicción que o goberno que presume de máis social non sexa quen de axilizar a convocatoria e a resolución destas achegas” engadindo que “son o goberno da incoherencia”.

O popular lembrou como a convocatoria de 2018 non se fixo pública ata o 21 diciembre de 2018 e que os expedientes non se resolveron e se pagaron ata que pasaron sete meses, en xullo de 2019. Nesa ocasión o goberno tivo en vilo aos 385 lucenses que se presentaron documentación quedando admitidos 180 cidadáns aos que se lles concedeu 276.000 euros en concepto de axudas ao aluguer. O popular censurou que a mala planificación e o retraso provocase situacións de incertidume e angustia entre os beneficiarios que tiveron que adiantar os cartos facendo un importante esforzo ou pedindo préstamos a entidades bancarias ou a familiares.

Ameijide considera que con situacións coma estas “estase freando o aluguer do parque inmobiliario de Lugo co conseguinte dano que se xenera á economía lucense”.

Co ánimo de que se xestionen “en tempo e forma estas subvencións” solicitamos que o goberno local reforce o persoal e priorice esta traballo para que non haxa demoras. “Neste momento teríamos que estar preparando a convocatoria de 2020 e imos cun ano de retraso, é imperdoable tendo en conta que falamos dun tema sensible e que afecta a calidade da vida de numerosas persoas”. Ameijide concluiu que “é vergoñento que os lucenses que precisan desta achega tan básica se estean vendo obrigados a adiantar os cartos, algúns mesmo pedindo préstamos a entidades bancarias ou familiares”.

Responder

thirteen + seven =