O PP teme os traballadores do Antonio Gandoy volvan a sufrir impagos pola irresponsabilidade do bigoberno na xestión deste centro de día

By 7 Novembro, 2019 Servizos sociais

A concelleira do Grupo Municipal do PP Macamen López explica que a empresa concesionaria do servizo neste centro de día municipal ve como xa lle deben o pago dos meses de setembro e outubro debido a que dende o goberno local non se desbloqueou o pago das facturas

O concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López, denuncia a situación de atrasos nos pagos que volven a sufrir os traballadores do centro de día Antonio Gandoy, xa que o Concello de Lugo adebeda á empresa concesionaria as facturas de setembro e outubro, unicamente “pola irresponsabilidade” do bigoberno local na xestión desta instalación municipal.

Macamen López tivo ocasión de reunirse cos representantes dos traballadores do Antonio Gandoy, xuntanza na que constatou como a empresa concesionaria do servizo no centro de día Antonio Gandoy tentou, en varias ocasións e sen éxito, poñerse en contacto con Olga Racamonde, a concelleira responsable deste servizo, para coñecer en que situación se atopa o pagamento das facturas que se adebedan. “Neste momento a empresa aínda non percibiu o pago das facturas dos meses de setembro e outubro, polo que agardamos que Olga Racamonde solucione estes atrasos no menor tempo posible para evitar que se repita a situación que xa viviron os empregados de estar varios meses sen cobrar”, sinalou.

A concelleira popular explica que ante esta situación, os traballadores do Antonio Gandoy tomaron a iniciativa e presentaron reclamacións ante o Concello de Lugo para que cumpra coas súas obrigas e desbloquee o pago das facturas, xa que o Concello de Lugo non está a cumprir coas súas responsabilidades, o que provoca que os traballadores acumulen atrasos no cobro das súas nóminas.

Macamen López anuncia que dende o Grupo Popular presentarán preguntas en comisión para coñecer en que situación se atopa o centro de día Antonio Gandoy, sobre todo, para saber que sucede coa pactada subida salarial do 5% nos pliegos que os traballadores aínda non viron repercutidos nas súas nóminas.

Ademais, a popular lamenta que o Concello de Lugo non siga as peticións de material realizadas polos traballadores do Antonio Gandoy, xa que levan meses agardando por varios pedidos de material, imprescindible para o seu traballo diario, e que o Concello de Lugo, de momento, segue a negarlles. A isto se engade que todos os mediodías e os sábados non hai acompañante para o transporte dos usuarios, polo que teñen que ser dúas gerocultoras as que desempeñen esta tarefa.

Outra das eivas detectadas nesta instalación é o sistema de aviso que teñen os usuarios cando fan uso dos aseos. O sistema instalado unicamente advirte aos traballadores cando o usuario fai uso da mesma, polo que cando deixa de pulsala, o aviso desaparece, un aviso que “non serve de moito” xa que non indica dende cal dos sete aseos se emite a alarma.

Ante os reiterados incumprimentos dos pliegos de contratación e as numerosas eivas detectadas nesta instalación municipal, a concelleira popular afirma que dende o Concello de Lugo hai que “garantir que se cumpren coas condicións pactadas e que as instalacións están en perfecto estado” para asegurar a correcta atención aos usuarios e para facilitar as tarefas diarias dos traballadores.

Responder

5 + 18 =