O PP sospeita que as trabas do bigoberno para recibir o novo auditorio débense a que non teñen preparada a programación nin o modelo de xestión

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular sinalan que en marzo, tanto PSOE coma BNG, rexeitaron no pleno unha proposta dos populares para a creación dunha comisión para avaliar a xestión e a programación deseñada para o novo auditorio de Lugo

O Grupo Municipal do Partido Popular pregunta ao goberno bipartito pola situación na que se atopa o Concello de Lugo sobre a recepción do novo auditorio, situado en Acea de Olga, para coñecer os plans de actuación do bigoberno en torno a esta dotación.

Os populares preguntan ao goberno local se xa se puxeron a traballar na programación que terá esta dotación no ano 2020, xa que a Xunta rematou a súa construción e equipamento hai semanas, polo o bigoberno xa debería de ter preparada unha “programación adecuada” para que o novo auditorio poida abrir as súas portas a todos os lucenses. O problema é que “seguramente non o poidan abrir o novo auditorio” porque “non teñen nada preparado”.

Dende o Grupo Popular recordan que no pleno de marzo deste ano xa se presentou unha proposición para a creación dunha comisión para avaliar a xestión e a programación do novo auditorio de Lugo, a través dunha comisión de traballo na que se tería que abordar a xestión que se realizará sobre o novo auditorio de Lugo e se avaliara a programación deseñada polo goberno local para a apertura desta nova dotación. Proposición que non se aprobou debido aos votos en contra do PSOE e o BNG, no que foi unha “declaración de intencións” de cara a boicotear esta gran infraestrutura creada polo goberno de Núñez Feijóo.

Ademais, dende o Grupo Municipal Popular preguntarán ao bigoberno se realizaron un estudo para estimar o custe de mantemento do novo auditorio e se xa teñen previsto o modelo de xestión que queren para esta infraestrutura. “Ante as constantes trabas que poñen dende o bigoberno para recibir o novo auditorio queremos saber se xa saben o custe de mantemento e o modelo de xestión xa que moito nos tememos que non hai nada preparado”, explican.

Os populares queren coñecer se o bigoberno municipal ten claro o modelo de xestión que quere para o novo auditorio, ou ben a través dunha empresa externa ou a través de persoal municipal.

Responder

five − three =