O PP solicitará no pleno a comparecencia do voceiro do goberno pola ORA

By 26 Outubro, 2016 Zona ORA

 O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, anuncia que “ante a inmobilidade e a falta de solucións para un problema que xerou unilateralmente a alcaldesa, como é o da rotación do aparcamento, o mínimo que ten que haber son explicacións”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, anuncia que solicitará no pleno de mañá a comparecencia do voceiro do goberno local pola falta de avances na municipalización do servizo da ORA.

O popular, que explica que se lle piden explicacións ao voceiro do goberno “dado que o regulamento non nos permite reclamar a comparecencia da alcaldesa, a máxima responsable do colapso de aparcamento que vive a cidade pola súa decisión unilateral”, incide en que “os lugueses demandan unha xustificación á inmobilidade e á falta de solucións para un problema que provocou unilateralmente Lara Méndez”. “O mínimo que debe facer calquera goberno é ir de fronte e dar a cara, e é obvio que no caso da ORA non está a ocorrer nin a unha nin a outra”, advirte.

Así mesmo, Antonio Ameijide denuncia que “transcorrido case ano e medio dende a supresión radical da ORA”, os socialistas foron incapaces de cumprir “o prazo que eles mesmos se marcaron, noutro engano aos lugueses de ter reactivado o servizo en oito meses”, marxe que rematou o 30 de marzo. “O goberno local leva ano e medio durmido e anestesiado, sen que haxa un atisbo que nos faga pensar que van espertar do seu letargo”, asevera.

Entre as cuestións que incorpora a petición de comparecencia, figuran o punto exacto no que se atopa o proxecto de municipalización, o cronograma para a reimplantación dun servizo que garanta a rotación de vehículos, a liquidación do contrato ou o modelo que vai deseñar o goberno local. “Nós xa apuntamos cal sería o noso: un sistema gratuíto, de rotación temporal nalgunhas zonas controlada dende o Concello”, lembra.

Outras proposicións do PP.-

No pleno de mañá tamén se debaterán outras dúas proposicións que trasladará o Grupo Municipal do Partido Popular. Na primeira delas, pedirase que o Concello de Lugo inicie as xestións oportunas coa propietaria dos terreos do actual colexio do Sagrado Corazón (Abanca) para garantir que, en 2018 cando remate o convenio de cesión dos terreos e os equipamentos para os usos educativos, estes pasen a ser de titularidade municipal e teñan uso público. En concreto, os populares queren que alí se instalen equipamentos para o barrio, como o novo centro de saúde previsto, unha pista polideportiva aberta, unha praza pública ou locais para asociacións de tipo social, veciñal e xuvenil, entre outros.

Paralelamente, tamén proporán a creación dun plan de circulación específico para o casco histórico consensuado con veciños, empresarios e hosteleiros afectados, que incorpore tanto o incremento dos puntos de carga e descarga neste recinto para axilizar este traballo e así garantir unha menor permanencia dos vehículos de reparto como a actualización e mellora dos sentidos de circulación no centro, “que levan dende a época de Joaquín García Díez, en 1999, practicamente sen ningunha modificación”. 

Responder

three × 4 =