TráficoUrbanismo

O PP reúnese cos veciños da Milagrosa para estudar a extemporánea modificación do tráfico do bipartito

By 9 Outubro, 2019Outubro 11th, 2019Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide sinala que se atoparon varios puntos interesantes na análise deste plan de tráfico, pero tamén problemas, como que esta proposta do bipartito deixa illado completamente ao barrio Feijoo ao anular a única e principal saída do barrio cara a Avenida da Coruña, a rúa Perpetuo Socorro, polo que pedirá a anulación deste cambio para dar facilidades na saída do barrio aos veciños

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que onte pola tarde o Grupo Popular mantivo unha xuntanza con veciños da Milagrosa para abordar as modificacións que se pretenden realizar no barrio para redistribuír o tráfico trala obra de peonalización da Praza da Milagrosa.

Antonio Ameijide destacou a xuntanza como “moi positiva e enriquecedora” xa que é a propia xente que vive na Milagrosa a que mellor pode avaliar as vantaxes e desvantaxes dos trocos propostos polo bipartito, algo que dende o goberno local non tiveron a ben realizar, polo que tivo que ser o Grupo Municipal Popular o único que se decidise a coñecer a opinión da xente do barrio.

Para o concelleiro popular este plan de reordenación do tráfico na Milagrosa “chega tarde”. “É a primeira vez na miña vida que vexo un proxecto dunha obra de peonalización e urbanización dunha praza que carece dun plan de reordenación do tráfico temporal, a executar durante a obra, e outro definitivo, tralo remate dos traballos. Isto xa di moito da chapuza que fixeron na Milagrosa”, afirmou.

No que se refire ao propio plan, o vicevoceiro popular sinala que “ten puntos interesantes” pero hai outros que habería que cambiar, como cambiar a rúa Perpetuo Socorro para que sexa de entrada dende a Avenida da Coruña, xa que o único que fai é “illar aos veciños do barrio Feijoo” xa que deste xeito so poderían saír do barrio por Otero Pedrayo ou por Río Narla.

Ademais de manter o actual sentido de circulación que ten a rúa Perpetuo Socorro, dende o Grupo Popular avogan por realizar outras modificacións neste plan de tráfico.

Unha delas sería aproveitar o carril de incorporación que hai na actualidade na Avenida da Coruña cara a rúa Mallorca. Deste xeito poderíase trocar o sentido de circulación e habilitar un xiro cara a rúa San Lorenzo para facilitar o acceso ao barrio Feijóo e, deste xeito, un pouco máis adiante, habilitar unha parte do carril sobrante para facer unha zona de carga e descarga. “Sería positivo habilitar esta zona para os repartidores xa que é unha zona saturada de tráfico na que se atopan un supermercado, varios establecementos de hostalería e diferentes negocios que reciben mercancía durante todo o día”, explicou.

Reaccións dos veciños
Puntos nos que coincidiron os propios veciños, que tamén amosaron a súa opinión respecto a outros cambios. Neste senso, os veciños da Milagrosa non ven claro anular o carril de xiro cara a rúa Illas Cíes dende a Avenida da Coruña, xa que sinalan que de anular este carril estaría a pecharse o principal acceso ao colexio de Paradai. Ademais, tamén amosaron a súa predisposición a manter a rúa Ramiro Rueda na súa totalidade de dobre dirección e falaron tamén da posibilidade de recuperar o dobre sentido de circulación para a rúa Curros Enríquez. “Incluso preguntaron se isto afectaría ao transporte público, xa que trala obra realizada na Praza da Milagrosa, o bus urbano xa non pasa pola Milagrosa”, explicou.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies