Infraestruturas

O PP reclama un convenio de colaboración para intermodal similar ao asinado pola Xunta e Fomento no resto das cidades galegas

By 19 Decembro, 2019Sin comentarios

O voceiro popular Ramón Carballo asegura que Lugo “nin pode nin debe ser diferente a Vigo, Santiago, Ourense ” que xa están a executar as súas estacións intermodais polo que levarán a pleno unha iniciativa para que a corporación presione para que se materialicen canto antes os compromisos adquiridos”

O Grupo Popular presenta unha iniciativa a pleno para demandar que o Ministerio de Fomento constrúa e financie a estación intermodal que o Ministro socialista Ábalos presentou en Lugo en marzo de 2019. Ramón Carballo aclara que “estamos falando dunha terminal ferroviaria reformada e dotada cun aparcadoiro subterráneo que cubra as súas necesidades”.

Os populares manifestan que “o aparcadoiro subterráneo é unha necesidade da terminal ferroviaria comprometida polo Ministerio de Fomento. De feito o propio estudo funcional elaborado por Adif recoñece que a futura estación necesita un aparcadoiro subterráneo de 300 prazas para atender as necesidades ferroviarias”.
O voceiro popular pretende, con esta iniciativa, que “ese compromiso debe quedar plasmado á maior brevidade nun convenio de colaboración asinado polas tres administracións promotoras (Xunta, Goberno central e Concello de Lugo) similar ao asinado nas cidades galegas que teñen as súas estacións intermodais en execución”.
O popular explicou que o modelo de colaboración establecido para as estacións intermodais galegas consiste en que a Xunta constrúe e financia a terminal de autobuses; o Ministerio de Fomento constrúe e financia a reforma ferroviaria; e o Concello asume a adecuación urbanística e os accesos se son necesarios, co apoio da Administración autonómica.
O popular lembrou que o proxecto da intermodal é froito dun traballo conxunto entre a Xunta e o Ministerio de Fomento. De feito, o anteproxecto elaborouse tomando como base os estudos previos elaborados pola Administración autonómica e foi obxecto de numerosas xuntanzas e intercambios de coordinación. Carballo lamentou “a falta de lealdade institucional cando, o Ministerio de Fomento presentou o proxecto da estación intermodal como unha inciativa exclusivamente súa nun acto no que pretendeu que a Xunta fose convidada de pedra”.
Ramón Carballo conclúe asegurando que “os lucenses non merecen anuncios electorais dun Executivo que está permanentemente en campaña” e reclama “feitos e avances nesta infraestructura”. “O mesmo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, que dixo que o AVE ía chegar a Lugo en 2021, foi tamén o que dixo, en marzo de 2019, que a estación intermodal de Lugo ía estar en obras en 2020. Pero a realidade é que ata setembro non se adxudicou a redacción do proxecto, que ten 15 meses de prazo, co cal, non estará rematado antes de decembro do vindeiro ano” concluiu.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies