O PP quere impulsar que Lugo teña a moeda conmemorativa dos Patrimonios da Humanidade

By 11 Decembro, 2019 Cultura, Turismo

A concelleira popular Beatriz Vázquez Belda presenta un rogo na comisión de cultura para que o bigoberno “se dirixa ao Goberno de España para acuñar e poñer en circulación no Xacobeo 2021 unha moeda de 2€ que difunda a imaxe da Muralla, Catedral e Camiño Primitivo”

O Grupo Popular no Concello de Lugo presenta un rogo á Comisión de Cultura para que “inste ao goberno de España a emitir e poñer en circulación, o vindeiro 2021, unha moeda conmemorativa de 2 euros dedicada aos monumenos patrimonio da Humanidade de Lugo”.

A concelleira popular Beatriz Vázquez Belda afirma que “tendo en conta que en 2021 se celebra o Xacobeo é unha boa ocasión para presumir dos tres patrimonios que temos (Muralla, Catedral e Camiño Primitivo)”. “O concello de Lugo debe ser o impulsor desta proposta que presentou a Asociación de Lugo Monumental” aclarando que “non hai tempo que perder” xa que “só se poden emitir dúas moedas conmemorativas ao ano”.

Vázquez Belda manifestou que “tendo en conta que o organismo emisor é a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, que depende do Ministerio de Economía e Facenda o bigoberno debería facer as xestións oportunas para que se materialice esta petición que o PP tamén levará ao Congreso dos Deputados a través dunha proposición non de lei”.

A concelleira Beatriz Vázquez Belda explica que no rogo tamén se solicita que “a administración local promova un concurso de ideas sobre o deseño desta moeda conmemorativa”.

Para os populares é importante conseguir que Lugo teña esta peza xa que “suporá un espaldarazo á promoción turística da cidade xa que os 2€ coa imaxe dos nosos Patrimonios circulará por toda a Unión Europea”. “O concello de Lugo ten unha magnífica oportunidade de difundir os tres bens que temos Patrimonio Mundial da UNESCO”, reflexionou Beatriz Vázquez.

Leave a Reply

1 × five =