O PP propón un modelo de aparcamento de balde con límite temporal en determinadas zonas da cidade

By 23 Maio, 2017 Zona ORA

 O vicevoceiro popular Antonio Ameijide anuncia que “cómpre tomar decisións ante a parálise e a improvisación do goberno local, que nos levaron a problemas no estacionamento que prexudican seriamente a mobilidade e a rotación dos vehículos”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide anuncia que trasladará ao pleno deste xoves unha proposta para que o goberno local dote á cidade dun modelo de aparcamento de balde que obrigue á rotación de vehículos en determinadas zonas urbanas do municipio.

En opinión dos populares, “é urxente tomar decisións ante a parálise e a improvisación do goberno local, que nos levaron a problemas no estacionamento que prexudican seriamente á mobilidade e á rotación dos vehículos”. Nesa liña, Ameijide subliña que “é hora de paliar os efectos que nos deixou unha decisión improvisada da alcaldesa que o único que buscaba era o efecto mediático sen medir en ningún momento as consecuencias que traería”, xa que “o rexeitamento de veciños, traballadores, comerciantes e empresarios é practicamente unánime”. A este respecto, o vicevoceiro popular afonda en que “o que nós presentaremos a este pleno é o que viñemos defendendo sempre”: o deseño dun sistema de control integramente municipal, sen custe para os veciños, e que garanta a mobilidade e a rotación coa utilización dun vehículo de lectura automática de matrículas. “Falamos dunha fórmula que case sen ningún impacto económico nin para as arcas locais nin para os lugueses podería axilizar e recuperar o dinamismo do tráfico na cidade”, asegura.

Así mesmo, Ameijide explica que esta alternativa podería abordarse na Comisión Técnica para o servizo da ORA, creada co impulso “unánime” de todos os grupos da oposición para a municipalización do servizo. “Pero a realidade é que os socialistas nin sequera foron quen de convocar este órgano dende hai ano e medio”, detalla en alusión á última xuntanza, celebrada o 4 de xaneiro de 2016.

Paralelamente, o vicevoceiro popular engade que, na proposta que trasladará ao pleno deste xoves, tamén figuran outros compromisos “que tampouco se poden perder de vista” en relación á ORA: a liquidación “definitiva” do contrato; a suspensión da ordenanza fiscal que regula este sistema “e que, case dous anos despois da supresión do obxecto que grava, segue incomprensiblemente en vigor”; e a realización de estudos técnicos que avalíen as repercusións que poderían derivarse da eventual subrogación do persoal vinculado á empresa concesionaria a raíz dos xuízos entre os empregados e a firma privada.

Finalmente, os populares tamén solicitarán no pleno de mañá a elaboración dunha guía de intervención no casco histórico con criterios de deseño e catálogo de mobiliario, materiais e cores nun documento que serviría de “punto de partida para pór en valor o patrimonio do recinto amurallado e asúa contorna”. “Para nós, tanto o tráfico como o impulso turístico do municipio son dúas prioridades que cómpre abordar malia a seren dous dos eixos vertebradores que máis esquencidos ten este goberno local”, conclúe o vicevoceiro popular. 

Responder

four × 1 =