O PP propón recordatorios de distanciamento social nos mupis, marquesiñas, en autobuses e nos semáforos de cruces con aglomeracións

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Ramón Carballo sinala que sería preciso que o Concello de Lugo distribúa á cidadanía toda a información precisa para recordar as medidas de distanciamento social agora que comezan as diferentes fases da desescalada para evitar unha nova propagación do Covid-19.

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, insta ao goberno local a tomar as medidas necesarias para que a cidade sexa unha zona segura e na que todos os lucenses teñan claras as recomendacións das autoridades sanitarias nas diferentes fases da desescalada.

Ramón Carballo sinala que o Concello de Lugo debería estudar a posibilidade de poñer en marcha diferentes canles de comunicación coa cidadanía para recordar as distancias de seguridade para evitar a propagación do coronavirus. Diferentes medios como poden ser: carteis nos mupis que o Concello ten repartidos pola cidade (o Concello de Lugo conta con 80 marquesinas e mupis de titularidade municipal), publicidade nos autobuses de transporte público ou empregar a megafonía municipal do Concello e de diferentes prazas para emitir mensaxes á cidadanía, algo ao que tamén se pode sumar a Policía Local a través dos seus vehículos cando detecten algunha aglomeración de persoas ou coa megafonía dos semáforos durante a fase de cor vermella que impide cruzar aos peóns, mantendo o sinal acústico habitual na fase de cor verde para que as persoas invidentes poidan cruzar con seguridade, entre outras medidas.

Carteis e mensaxes recordando as recomendacións de distanciamento social, algo ao que se podería engadir que o Concello de Lugo colocase sinais visuais nas beirarrúas dos cruces con máis afluencia de público. “O que debemos facer desde o Concello de Lugo é recordar as medidas sinaladas polas autoridades sanitarias e facer todo o que estea nas nosas mans para que os veciños de Lugo se manteñan seguros agora que se inician as diferentes fases da desescalada”, sinala.

Neste senso, o voceiro popular lamenta “a falta de traballo e dilixencia” do bigoberno, xa que hai máis dun ano e medio que se retiraron os paneis informativos da hora e da temperatura das rúas da cidade e se anunciou que se instalarían outros multimedia que ofrecerían unha información moito máis amplía á cidadanía. “Unha vez máis comprobamos como as promesas deste goberno local non serven de nada, xa que a cidade segue sen contar con ese tipo de dotacións que neste momento serían moi útiles para ofrecer aos lucenses toda a información relacionada co Covid-19”, afirma.

Para Ramón Carballo o goberno local debería adoptar de inmediato este tipo de medidas xa que as están a adoptar, estas e outras directrices, todo tipo de establecementos privados que nos vindeiros días abrirán de novo as súas portas ao público.

Responder

twenty − eleven =