O PP propón medidas para “sensibilizar e implicar” aos lucenses nos actos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres

By 3 Novembro, 2019 Seguridade, Servizos sociais

A concelleira do Grupo Municipal do PP Carmen López destaca a importancia de inculcar na sociedade o principio de igualdade que debe prevalecer sobre calquer comportamento machista para “desbotar os estereotipos de xénero” e así poñer en valor o traballo das mulleres e o seu empoderamento

O concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Carmen López, anuncia que o seu grupo presentou unha batería de propostas para que o bigoberno incorpore aos actos que se organizan con motivo do 25 de Novembro ‘Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’.

Neste senso, Carmen López sinala que sería bo a organización dunha actividade interxeracional que teña por obxecto a prevención da violencia de xénero, xa que “temos que ter en conta que a loita contra esta lacra é unha responsabilidade de toda a sociedade”, polo que é moi importante “sensibilizar e implicar” a todas as persoas, con independencia da súa idade, en que o principio de igualdade debe prevalecer sobre os comportamentos machistas para “desbotar os estereotipos de xénero” e poñer en valor o traballo das mulleres así como o seu empoderamento.

A concelleira popular explica que estas actividades consistirían en talleres de prevención de violencia de xénero a celebrar nos centros sociais municipais, no centro de día Antonio Gandoy e na escola infantil Serra de Outes, abrindo estes espazos á sociedade no seu conxunto.

Outras das propostas que achega Carmen López é que o Concello de Lugo impulse unha campaña de promoción de recollida de xoguetes non sexistas de cara as festas do Nadal e que o 25 de novembro se celebre un acto de lectura de literatura escrita por mulleres que verse sobre a violencia de xénero, diante do Concello.

Ademais destas medidas, a concelleira do Grupo Municipal Popular quere impulsar actuacións como que o 25 de novembro os empregados públicos poidan ver na pantalla dos seus equipos informáticos unha mención específica ao ‘Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’.

Por último, Carmen López sinala que sería positivo que o Concello de Lugo impulse un grupo de traballo sobre a violencia sexual dentro do Observatorio Galego de Violencia de Xénero.

Responder

thirteen − eleven =