O PP propón a creación de carrís e aparcadoiros para bicicletas por toda a cidade para animar aos lucenses a empregar este medio

By 1 Xuño, 2020 Seguridade, Tráfico

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide realiza novas propostas para que o goberno local se decida dunha vez a facer de Lugo unha Cidade Amiga das Bicicletas, considera imprescindible que Lugo conte por toda a cidade con aparcamentos cubertos para bicis, recorda que en 2013 desde o PP se pediu a creación dun plan integral para potenciar o uso da bicicleta e en 2015 outra iniciativa plenaria para impulsar o uso deste medio de transporte

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, incide na necesidade de aproveitar a coxuntura na que nos atopamos e “apostar pola bicicleta” como medio de transporte en Lugo, algo que axudaría a manter a distancia de seguridade recomendada polas autoridades sanitarias, entre outros beneficios para a sociedade.

Antonio Ameijide sinala que é un debate encallado en Lugo desde hai moitos anos, con diferentes proposicións que se aprobaron en pleno, moitas delas a iniciativa do Partido Popular, como a adhesión de Lugo á Rede de Cidades Amigas da Bicicleta, pero a realidade é que os diferentes gobernos socialistas e o actual bigoberno “nada fixeron por implantar a bicicleta” como unha alternativa real para a mobilidade en Lugo.

Por iso, o concelleiro popular segue a aportar ideas para que Lugo sexa unha cidade amiga para as bicicletas, algo para o que hai que facilitar máis aparcadoiros para este medio de transporte. Na actualidade non son suficientes e calquera farola, sinal de tráfico ou tubaxe son os únicos puntos nos que os usuarios das bicicletas poden deixar “con certas medidas de seguridade” as súas bicicletas, mesmo se poderían reacondicionar as marquesiñas do antigo plan municipal rebicíclate (Praza do Ferrol, Parque da Milagrosa, Vello Cárcere, Intercentros…) non serven para este fin.

Neste senso, Ameijide retoma a antiga promesa de Lara Méndez de que os aparcadoiros soterrados da cidade convertan tres prazas de estacionamento en dúas, algo que axudaría a crear prazas de aparcamento soterrado para as bicicletas, xa que se xerarían espazos baleiros que serían “óptimos” para este medio de transporte. “Non se trata dunha medida que nos inventemos no Partido Popular, é algo que xa se fai noutras cidades españolas e europeas que de verdade apostan pola bicicleta. Facilitar o aparcamento axuda a fomentar o uso de determinados medios de transporte, polo que urxe crear espazos de estacionamento adaptados para as bicicletas”, sinala.

Hai cidades nas que crearon estacionamentos pechados exclusivos para bicicletas e controlados mediante unha  app móbil. Deste xeito, os seus usuarios poden deixar con total seguridade a bicicleta. Aparcamentos públicos localizados cos que o cidadán pode desprazarse onde queira coa posibilidade de aparcar sen a preocupación de que lle rouben o vehículo.

Antonio Ameijide destaca a importancia de crear un rexistro voluntario e gratuíto de bicicletas, onde cada propietario poida inscribir as súas bicis, para que exista unha certeza oficial de propiedade en caso de roubo. Incluso serviría de medida disuasoria aos ladróns xa que terían máis difícil revender ou desprenderse deste ciclos. “O método que adoita empregarse para este tipo de rexistros é o número ou referencia que algunhas bicis levan xa incorporado e é exclusivo, ou mesmo se pode incorporar ao vehículo unha pequena chapa que non se poida remover, para identificala perfectamente”, apunta.

A realidade amosa que os beneficios da bicicleta son a sustentabilidade, a rapidez, menos atascos coa consecuente tensión e por suposto, fomentar a actividade física, ademais de axudar a reducir a contaminación, co conseguinte beneficio para o medio ambiente e a saúde dos cidadáns.

Unha medida que se podería acompañar de axudas municipais para a compra dunha bicicleta, algo que xa están a facer países coma Italia, que ademais estenden estas axudas a patinetes eléctricos. “Trátase, en definitiva, de manter a distancia de seguridade en todo momento para frear a expansión do Covid-19 e, ademais, crear unha cidade máis accesible e amiga coas persoas”, sinala.

Na actualidade so hai dous carrís para bicicletas na cidade, a penas uns centos de metros en Fingoi e Infanta Elena, dous elementos illados e que non conectan con ningún punto. “Vemos como o tempo segue a desmontar as mentiras de Lara Méndez. Non hai nada do gran carril bici que prometeu hai dous anos e o único que atopamos é un carril bici en Duquesa de Lugo, unha obra realizada pola iniciativa privada que está a urbanizar un polígono nesta zona”, sinala.

O concelleiro popular recorda que desde o seu grupo se apostou en diversas ocasións pola bicicleta. En setembro de 2013 se instou ao goberno local a iniciar a creación dun plan integral para potenciar o uso da bicicleta e, en setembro de 2015, se defendeu no pleno unha proposta para impulsar o uso da bicicleta. “Está claro que aos socialistas non lles interesa apostar polo uso da bicicleta en Lugo”, afirmou.

Unha postura que contrasta co cambio de parecer dos concelleiros do BNG, que mentres estaban na oposición adoitaban acudir ao Concello en bicicleta, pero que desde que forman parte do goberno, “decidiron apostar por acudir ao traballo en coche”.

Responder

sixteen + 13 =