O PP promove iniciativas nos sete municipios do Antigo Reino de Galicia para que a Ofrenda se declare BIC

By 12 Febreiro, 2020 Cultura, Proposición

Os populares agardan que todos os grupos da corporación respalden este recoñecemento que supón apostar pola súa conservación ademais de promocionar esta tradición que vén de celebrar o seu 350 aniversario”

O Partido Popular promoverá unha acción conxunta dos sete concellos que participan na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia para que apoien a proposta para que esta tradición alcance a declaración de Ben de Interese Cultural. O voceiro popular Ramón Carballo explicou que conta co visto bo do resto dos representantes populares dos concellos de Ferrol, Ourense, A Coruña, Tui, Santiago de Compostela, Betanzos e Mondoñedo para respaldar este recoñecemento e que así o trasladarán nos seus respectivos municipios con iniciativas plenarias.

“Máis turismo e a garantía de conservar esta tradición é unha das vantaxes de declarar BIC a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia” explicou o voceiro popular quen manifestou que esta celebración “que aparentemente ten forma relixiosa tamén ten un valor histórico, social, cultural … ese trasfondo profundo e complexo garantiu tres séculos e medio de vida desta tradición”.

Ramón Carballo asegura que é un erro que o BNG confunda “tradición con relixión”. Mentres a edil do PP Beatriz Vázquez manifestou que “é preciso valorar e salvagardar as tradicións antigas” engadindo que “paga a pena conseguir este recoñecemento que, en definitiva, supón promover a cooperación entre os antigos reinos de Galicia”. Nese senso, o voceiro popular pide respeto a esta tradición e agarda que os grupos políticos que se negan, ano tras ano, a asistir a este acto teñan a deferencia de apoiar esta iniciativa no pleno.
Vázquez puntualizou que no seu programa electoral pedían que se potenciase o Corpus Cristi co obxectivo de darlle a promoción que se merece a unha cerimonia única en Galicia deste nivel.
Ofrenda Antigo Reino de Galicia

Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aqueles cumpren co voto solemne que fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.

Desde 1925 até os nosos días o rito da Ofrenda celébrase do mesmo xeito, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades. Ademais, entre as tradicións litúrxicas, unha banda de gaiteiros interpreta a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia con gaitas en tres tonalidades e percusión.

Trátase dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.

Responder

six − 4 =