O PP pregunta a Lara Méndez se nos pensa facer pagar a todos os lucenses 2.4M€ polos desmanes do goberno socialista e nacionalista na Fábrica da Luz

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide anuncia que se pedirá a comparecencia do concelleiro de Medio Ambiente para que explique a situación real da Fábrica da Luz, para que aclare que medidas legais vai adoptar o Concello e se pensa que sexamos os lucenses os que paguemos polas decisións ou intereses persoais dos cargos socialistas en lugar de que sexan os propios concelleiros responsables os que asuman os custes da indemnización

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, sinala que os tribunais veñen de confirmar as advertencias realizadas polo Grupo Popular hai case dous anos, cando aseguraran que a Fábrica da Luz podería ser o Garañón 2 para o Concello de Lugo, xa que se corría o risco de ter que pagar unha indemnización millonaria e por desgraza confirmáronse os peores presaxios para os lucenses.

Antonio Ameijide recorda que o pasado 29 de xaneiro de 2019 advertiu que o Concello de Lugo se expoñía a ter que pagar case 2.9M€ en concepto da indemnización que o Concello de Lugo tería que afrontar a conta da Fábrica da Luz como consecuencia da “neglixencia e do bloqueo no que estaba instalado o goberno de Lara Méndez”. “A verdade é que non é un día para sacar peito porque por desgraza é un día negro para Lugo, pero a realidade é que o Grupo Popular advertiu en numerosas ocasións que a neglixencia, desidia e actitude do goberno de Lara Méndez ía provocar esta condena aos lucenses”, sinalou.

O concelleiro popular explica que a obra da Fábrica da Luz naceu condenada a fracasar xa que se iniciou no ano 2008 cunha concesión que estivo baixo investigación xudicial, na que participaron o ex alcalde López Orozco e o que despois se autodenominaría como cacique moderno, o ex concelleiro socialista Liñares. E se xa comezou viciada esta obra, despois foi “boicoteada desde dentro”. A realidade é que o concelleiro do PSOE con responsabilidades directas e exclusivas na xestión do medio ambiente na cidade e da Fábrica da Luz, Daniel Piñeiro, está vinculado a asociación que denunciou esta obra. Pero a hemeroteca e as redes sociais amosan como este complot político aos intereses dos lucenses estaba tamén integrado polo vicealcalde, a concelleira de Cultura e un asesor político do BNG no Concello de Lugo, que estiveron nas protestas contra a Fábrica da Luz.

O Grupo Municipal Popular denunciou en numerosas ocasións a situación da Fábrica da Luz, con situacións tan esperpénticas como que o ex concelleiro Daniel Piñeiro retrasou numerosos trámites, entre eles, a prórroga das obras da ataguía, feitos denunciados en reiteradas ocasións desde o PP ata o punto de que “Daniel Piñeiro tivo mes e medio sobre a mesa, sen firmar, a solicitude da prórroga de concesión e cando tivo a ben asinala xa estaba fóra de prazo provocando que se iniciase o expediente de caducidade desta concesión hidráulica do Concello de Lugo”, este feito semella que foi probado e acreditado na sentenza, xa que os medios de comunicación publican hoxe que o goberno de Lara Méndez foi o que fixo que os lucenses perdéramos a explotación desta planta de enerxía eléctrica, que viña do ano 1894, e que no 2017 perdemos a raíz dunha resolución da Confederación Hidrográfica, ratificada polos xulgados no ano 2019.

Ante esta situación, Ameijide esixe a Lara Méndez “unha reacción inmediata” á que pregunta se pensa realizar “unha defensa do diñeiro de todos os lucenses con accións legais ou, pola contra, vai a permitir que as arcas municipais sexan as que paguen os desamanes dos cargos socialistas”. É dicir, pensa defender os intereses dos lucenses ou vai antepoñer, como fixo no Garañón, os intereses dos cargos municipais socialistas e nacionalistas inmersos nesta condena millonaria aos lucenses.

Desde o Grupo Popular tamén se informa de que se pedirá a comparecencia en pleno do concelleiro responsable de Medio Ambiente para que explique a situación real na que nos atopamos na Fábrica da Luz, para que aclare que medidas legais vai adoptar o Concello de Lugo e se teñen pensado que os verdadeiros responsables desta situación sexan os que asuman os custes, en lugar de permitir que sexamos todos os lucenses os que paguemos polos intereses persoais dos cargos socialistas. “Tamén preguntaremos polos motivos de que se nos siga a negar o acceso á Fábrica da Luz despois de pedilo varias veces nos últimos anos”, explicou.

Para o popular esta sentenza pode ser o prólogo da outra gran sentenza en contra do Concello de Lugo xa que cando o xulgado falle a indemnización derivada do Garañón poderemos estar ante a “estocada definitiva” para o crecemento de Lugo.

Responder

fourteen − 8 =