Tráfico

O PP pide un plan específico de tráfico para o casco histórico

By 20 Outubro, 2016Sin comentarios

 O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, afirma que “os continuos problemas nas zonas de carga e descarga do centro, incluíndo varios atropelos nos últimos meses, avalan que cómpre tomar medidas para atallar un conflito que vai a máis”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, reclamou esta mañá en rolda de prensa que o goberno municipal implante un plan de circulación específico para o casco histórico consensuado con veciños, empresarios e hosteleiros afectados, nunha reivindicación que trasladará ao vindeiro pleno da corporación, que se celebrará o xoves próximo.

Durante a súa comparecencia, o popular destacou que “o conflito de tráfico no entorno amurallado non deixa de ir máis”, xa que “continúa medrando o malestar de repartidores e veciños pola presenza masiva de vehículos de transporte, ao tempo que se produciron atropelos nestas zonas, algún deles mortal”. Diante desta situación, o vicevoceiro popular expuxo que “unhas circunstancias excepcionais de tráfico requiren dunha planificación tamén excepcional”, polo que insta aos socialistas a “deixar de mirar para outro lado e a dar unha resposta actualizada ás demandas de todos os implicados”.

Nesa liña, Antonio Ameijide apuntou que “un dos obxectivos prioritarios ten que ser regular mellor a actividade de reparto”, para o que suxiriu o incremento do número de espazos deste tipo, que actualmente son só catro, de xeito que ao aumentalos se logre axilizar esta tarefa, o que provocará a redución do tempo de permanencia no casco histórico, ademais de facilitar o seu traballo. “Loxicamente esta actuación tería que ir aparellada dun labor de vixilancia para asegurarnos de que se respectan tanto os tempos como os espazos de distribución”, puntualizou.

O vicevoceiro dos populares sinalou, tamén, que outra das modificacións a estudar é a dos itinerarios de circulación contemplados para o centro, que “apenas mudou dende o bando que ao respecto publicou o Concello na etapa de García Díez, o 4 de febreiro de 1999”, dado que “só se cambiou con ocasión da peonalización do treito da Ronda á altura do edificio administrativo do Concello e no tramo de Bispo Aguirre que transcorre dentro da muralla”. “Por exemplo, non ten sentido que os veciños das inmediacións da glorieta de Irmáns Pedrosa teñan que atravesar Bispo Aguirre porque deban acceder pola Ronda”, indicou Ameijide, quen lle reclamou aos socialistas que consensúen todos eses cambios con veciños, empresarios e hostaleiros. “Falamos de algo que lles afecta seriamente, polo que cómpre ter en conta a opinión de todos estes colectivos para blindar a seguridade dos peóns”, matizou.

Ameijide opinou, así mesmo, que “o caos de tráfico que hai moitas veces no casco histórico empaña o esforzo e o impulso que nesta materia emprendeu o último alcalde do PP, Joaquín García Díez”, xa que “a presenza masiva de camións, así como o risco para os peóns, afea e afecta aos comercios e ao turismo”. Pola contra, “unha regulación propia para o centro contribuiría a pór en valor a peonalización impulsada polo PP na década dos 90 en lugar de continuar a mirar para outro lado sen dar respostas, como leva facendo dende o século pasado o PSOE”. Por último, o popular lembrou que esta proposta xa a trasladara o Grupo Municipal do Partido Popular entre as súas emendas á ordenanza de circulación. “Aínda que naquel momento nin o PSOE nin o BNG apoiaron esta iniciativa, agardemos que agora rectifiquen e recoñezan unha necesidade que comparten moitos lugueses”, concluíu.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies