O PP pide a retirada dos parquímetros da ORA

By 21 Setembro, 2016 Zona ORA

 Jaime Castiñeira explica que “a deficiente sinalización da suspensión da zona azul está a provocar numerosas confusións entre os condutores”, polo que solicita a supresión das máquinas de control da ORA “ata que haxa unha decisión firme”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Jaime Castiñeira solicitou esta mañá en rolda de prensa a retirada dos parquímetros da ORA.

O popular criticou a “deficiente sinalización da suspensión da zona azul”, circunstancia que está a provocar “numerosas confusións entre os condutores, tanto de Lugo como de fóra”. Nesa liña, Castiñeira explicou que á comisión de reclamacións e suxestións chegou a queixa dun veciño de Barcelona que asegura sentirse “timado” pola cidade de Lugo logo de que unha máquina do entorno da estación de autobuses, non precintada “e sen ningunha información de estar inoperativa”, lle tragara a súa tarxeta de crédito, documento que non puido recuperar. No seu escrito, o afectado expón que “no resto da viaxe tivemos que ir tirando do efectivo que tiñamos e rogando aos hoteis que confiaran en que lles faríamos unha transferencia ao chegar a Barcelona”.

Castiñeira afirmou que “é ben triste que a primeira imaxe que Lugo lles ofrece aos turistas sexa esa”, ao tempo que criticou que “case un mes despois dos feitos, ninguén do Concello se puxera en contacto con este particular para, cando menos, pedirlle desculpas”, dado que, en conversa telefónica co voceiro popular, este visitante aclarou que “ninguén dera a cara por esta situación”. Nese senso, o popular asegurou que “este é un exemplo da confusión que provocou a decisión improvisada e repentina da alcaldesa”, á que “co obxecto de acadar un golpe mediático en beneficio propio non lle importou xerar esta importante confusión”.

Ante esta situación, Jaime Castiñeira avogou pola retirada “polo menos temporal” das máquinas, “que non teñen ningunha función e que o único que están a facer é ocupar espazo público e, o que é máis grave, inducir á confusión”. “E o primeiro que hai que saber é se está feita a liquidación do contrato coa empresa para saber a quen lle pertencen os parquímetros, dos que, parece ser, o único que queda é a carcasa porque non teñen nada dentro”, salientou.

Por outra banda, o voceiro popular tamén criticou, de acordo a este escrito, “o mal funcionamento do 010, xestionado por unha empresa privada”, que “non pode dicir que a única solución que ten esta familia é dar de baixa a súa tarxeta”. “Estamos a falar de persoas que están en apuros e ás que o Concello debería darlles unha solución porque, para máis inri, é un problema provocado pola improvisación do goberno socialista”, aseverou.

Un sistema gratuíto, limitado e controlado polo Concello.-

Así mesmo, Castiñeira insistiu durante a súa comparecencia no modelo que defende o Grupo Municipal do Partido Popular: un sistema gratuíto, con limitación temporal, controlado dende o Concello e cinguido a algunhas zonas da cidade. “É evidente que a alcaldesa está encallada tamén nesta cuestión, que foi un dos seus primeiros incumprimentos, e que a día de hoxe non ten visos de resolver nin a curto nin a medio prazo”, incidiu. 

Responder

20 − 13 =