Servizos sociais

O PP pide ao bigoberno que desencalle asuntos atascados en materia de igualdade

By 9 Setembro, 2020Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do PP Macamen López recorda que o pleno aprobou en outubro do ano pasado, a iniciativa do PP, a adhesión do Concello de Lugo a este protocolo de violencia de xénero, polo que os populares queren saber se xa se realizou este trámite

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López, recorda que no pleno de outubro de 2019 a corporación acordou a adhesión do Concello de Lugo ao protocolo de violencia de xénero VioXén, un programa ao que semella o Concello segue sen unirse.

Macamen López explica que a maior parte dos concellos da provincia que teñen policía local, e que contan con máis dun axente en plantilla, están adheridos a este protocolo de colaboración asinado no ano 2006 entre o Ministerio do Interior e a FEMP, unha ferramenta que ofrece aos concellos con policía local a posibilidade de establecer colaboración entre corpos de seguridade do Estado e a Policía Local.

A concelleira popular explica que segundo os datos aos que tivemos acceso, no caso da provincia de Lugo polo menos dez dos quince concellos que teñen Policía Local se sumaron a este protocolo, detallando que houbo casos nos que algún municipio non puido integrarse no VioXén porque só tiñan un único policía local e non había quen se fixera cargo das vítimas asignadas ao axente durante as vacacións.

Neste senso, Macamen López quere coñecer se o goberno local iniciou os trámites para que Lugo se una ao protocolo VioXén e, en caso afirmativo, cales son os trámites realizados ata o momento.

A protección das vítimas da violencia de xénero é unha tarefa fundamental para toda administración pública, polo que a edil popular tamén quere saber se o Concello de Lugo iniciou os trámites oportunos para a adhesión á Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, algo para o que quere coñecer os trámites realizados no caso de iniciar o procesión de unión.

Macamen López aproveitará a comisión para preguntar tamén pola creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, iniciativa aprobada en pleno no ano 2017, e que nunca se chegou a convocar “polo que damos por suposto que non existe”. Tamén preguntará polo estado no que se atopa a elaboración do protocolo municipal de Violencia de xénero que o Concello encargou a unha consultora externa e polo que xa pagou 1.800€.

Por último, a popular tamén quere coñecer as actuacións realizadas polo consistorio lucense no referente á protección das mulleres vítimas de violencia de xénero, para o que preguntará se o Concello de Lugo ten rexistros sobre o número de mulleres que se atopan nunha situación de vulnerabilidade, que accións se están a desenvolver para axudar a estas mulleres e a cantas mulleres vítimas de violencia de xénero prestou algún tipo de atención o concello.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies