O PP pedirá que o pleno esixa ao Goberno central a reducir o IVE dos salóns de peiteado ao 10%

By 21 Febreiro, 2021Febreiro 22nd, 2021Economía

O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo explica que se defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para demandar ao Goberno do Estado a redución do IVE dos salóns de peiteado, pasando do actual 21% a un 10%, para garantir a supervivencia deste sector e dos postos de traballo que manteñen

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, anuncia que se defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para demandar ao Goberno do Estado a redución do IVE dos salóns de peiteado, pasando do actual 21% a un 10%, dando o apoio necesario para garantir a supervivencia deste sector e dos postos de traballo que manteñen, nun momento de especial necesidade debido á crise da Covid-19.

Ramón Carballo explica que os salóns de peiteado representan un importante sector económico do tecido empresarial e nos últimos tempos estes profesionais veñen atravesando unha notable crise, que se veu agravada coa chegada da pandemia da Covid-19.

Só en Galicia, o impacto da crise sanitaria provocou o peche de máis 300 negocios de peiteado e unha caída na súa facturación que supera o 30%. Estes negocios, na súa maioría pequenas e medianas empresas, supoñen un número considerable de postos de traballo. As restricións derivadas da situación sanitaria e a práctica desaparición de celebracións e eventos festivos, están abocando á desaparición a centos de profesionais e empresas do sector.

Pero tamén é importante destacar o esforzo realizado polo sector para adaptarse á normativa recomendada polas autoridades sanitarias, o que supuxo tamén un importante investimento que, apoiados pola administración autonómica, tiveron que asumir directamente.

O pasado 21 de xaneiro, o Grupo Parlamentario Popular no Parlamento galego, logo do dialogo cos traballadores galegos do sector, rexistrou unha Proposición non de lei para instar ao goberno central unha baixada do IVE, pasando do 21% actual ao 10%, por consideralo unha das medidas fundamentais para garantir a supervivencia deste sector. “Desde este concello debemos tamén sumarnos a esta proposta de redución que se fundamenta, entre outras cuestións, na súa cualificación por parte do Goberno central como servizo esencial durante o Estado de Alarma. Pois ademáisdo seu traballo no ámbito da estética, realizan unha importante labor hixiénica e sanitaria, especialmente para as persoas dependentes”, afirmou o popular.

Leave a Reply

three × three =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies