O PP pedirá o apoio do pleno para instar á Deputación a que execute o ensanche e mellora da circunvalación do Burgo

By 19 Decembro, 2018 Seguridade, Tráfico, Zona rural

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que a proposta que se presentará ao pleno busca instar á Deputación Provincial a iniciar de forma “urxente” todas as accións necesarias para poñer en marcha o proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial CP2901 desde o punto quilométrico 3,3 ata o 5,4


O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, explicou que defenderá ante o pleno que o Concello de Lugo inste á Deputación Provincial a que inicie de forma “urxente” todas as accións necesarias para poñer en marcha o proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial CP2901 desde o punto quilométrico 3,3 ata o 5,4, unha vía que vai desde a LU-232 a Palas de Rei e que transcorre polo Burgo e Vilamaior de Negral.

Manuel López di que este proxecto comezou en abril de 2006 en base aos acordos de aprobación do Plan de Obras e Servizos e Plan Provincial de Estradas do 2005, nos que figuraba a obra, acadando a súa aprobación definitiva no ano 2015.

O concelleiro popular afirma que se trata “dunha obra moi necesaria” porque sacaría o tráfico rodado da travesía do Burgo, onde coinciden o Camiño Primitivo e a estrada provincial, pola que transitan tanto os peregrinos como o tráfico rodado, maquinaria agrícola e, incluso, o gando, o cal “xera múltiples situacións de inseguridade”, polo que é un “perigo tanto para os peregrinos como para o resto de usuarios desta vía”.

O concelleiro popular explica que estamos a algo máis de dous anos do vindeiro ano Xacobeo, polo que é “urxente” iniciar os trámites para facer esta estrada para tentar que dea tempo a que no ano Xacobeo 2021 poida estar rematada. “Este é un xeito de impulsar o camiño, a través dos feitos, xa que dotar de seguridade aos peregrinos é fundamental, porque a situación que se vive no Burgo non é acorde ao tempo no que vivimos”, afirmou o popular.

Ademais, Manuel López recorda que no pleno municipal de xaneiro de 2016 xa se aprobou, por unanimidade, unha moción na que se instaba á Deputación Provincial a que executara o proxecto para a estrada de circunvalación do Burgo.

Esta proposta tamén a presentará e defenderá o Grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo no vindeiro pleno ordinario desta administración.

Responder

6 + eight =