O voceiro do Grupo Municipal do PP, Ramón Carballo, sinala que estas mesas de traballo deberían de estar integradas por representantes de todos os grupos políticos e por técnicos municipais, ademais de representantes dos sectores afectados para estudar como esta crise incidiu en cada ámbito e cales son os pasos adecuados para acadar a recuperación

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, explica que o seu grupo pedirá no vindeiro pleno a creación de cinco mesas sectoriais de traballo para estudar as medidas a desenvolver para que cada sector económico da cidade se recupere da crise xerada polo Covid-19.

Ramón Carballo sinala que estas cinco mesas de traballo teñen que ser o fío condutor para unir aos representantes de cada sector e así estudar polo miúdo en que grao afectou esta crise a cada sector económico e que pasos se deben dar para acadar a recuperación.

As cinco mesas propostas polo Grupo Municipal Popular son:

  • Mesa sectorial de turismo, hostalería e comercio, para analizar cos que mellor coñecen estes sectores a recuperación dos mesmos e como afectará esta ano o descenso no número de visitantes estranxeiros, posibles medidas de captación a desenvolver…
  • Mesa sectorial do eido rural para avaliar as medidas a desenvolver para facilitar o asentamento da poboación e que liñas hai que seguir para axudar na recuperación dos sectores agrícola e gandeiro
  • Mesa sectorial sobre cultura, educación e deporte
  • Mesa sectorial do ámbito social para estudar as necesidades dos diferentes colectivos e asociacións, os novos protocolos que deben desenvolver…
  • Mesa sectorial do ámbito empresarial e da construción para estudar con detalle o tecido produtivo da cidade e como esta crise afecta a cada rama: aos autónomos, ás pemes, ás grandes empresas…

O voceiro popular sinala que esta pode ser a mellor ferramenta para recuperar “certa normalidade” xa que “se tentamos aglutinar a representantes de toda a sociedade nunha única mesa multisectorial sería moi complicado avanzar”.

Para os populares estas cinco mesas de traballo deberían de contar con representantes dos grupos políticos municipais, técnicos municipais e representantes de cada sector para “acadar mesas de traballo áxiles e operativas e así sacar a Lugo desta situación tan difícil”

Incluso podería estudarse a posibilidade de que nestas mesas sectoriais de traballo tamén participen expertos do mundo financeiro, administrativo e dos colexios profesionais, xa que así se aglutinaría máis experiencia e coñecemento. “É imprescindible xuntar a máxima experiencia e coñecemento para que Lugo non se resinta máis e poida mirar cara o futuro con optimismo”, afirmou.

Ramón Carballo explica que, de aprobarse esta iniciativa, estas mesas de traballo deben convocarse no prazo máximo dun mes. “Hai que poñerse a traballar de inmediato para, entre todos, reactivar a economía lucense, xa que estas oito semanas están a pasar unha factura moi grande á cidade e aos lucenses”, sostén.

Leave a Reply

two × 2 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies