O PP pedirá en comisión medidas para o calmado do tráfico en Ombreiro, unha zona agora moi empregada para pasear e facer deporte

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular explican que recibiron numerosas chamadas de lucenses, que adoitan empregar o paseo de Ombreiro para pasear e facer deporte nas franxas marcadas polas autoridades sanitarias, alertando do perigo que supón compartir esta zona con vehículos que en ocasións circulan a altas velocidades

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo levará a vindeira semanas varios rogos ás comisións de pleno municipais, despois de que se atendese a petición dos populares para recuperar o funcionamento das comisións e do pleno municipal de xeito telemático.

Co inicio da desescalada e o permiso do Goberno central para dar paseos e facer deporte é preciso tomar determinadas medidas para garantir a seguridade dos lucenses. Neste senso, zonas onde conviven peóns, deportistas e condutores de vehículos masificáronse nas últimas datas, como é o Paseo de Ombreiro. Por iso, os populares presentan un rogo para que se adopten medidas para garantir a seguridade dos peóns e deportistas que transitan pola LU-P-2902, como incrementar a vixilancia e o control policial, recurrindo se é preciso a controis de velocidade ou á instalación de medidas de calmado do tráfico, para disuadir aos condutores de circular a velocidades inapropiadas neste entorno.

Os concelleiros do Grupo Popular tamén preguntarán ao goberno local polos pasos que deron para fixar a data e as bases para unha homenaxe ás vítimas do Covid-19 e realizar un recoñecemento a todos os pacientes que superaron a enfermidade e a todos os traballadores dos sectores esenciais (sanitarios, alimentación, transporte, forzas e corpos de seguridade, agricultura…).

Para os concelleiros populares “é preciso que a cidadanía teña presente o esforzo común que realizou toda a sociedade, cada un dentro das súas funcións e posibilidades” xa que esta pandemia será recordada en todos os recunchos do mundo.

Aproveitando o cambio de fase, os concelleiros populares tamén instan ao goberno local á elaboración dun Plan periódico de desinfección e limpeza da cidade, para minimizar os riscos de contaxio. “Este plan debe de realizarse de forma sistemática e regulada xa que o Concello de Lugo ten a obrigación cos seus cidadáns de deseñar, implantar e cumprir un plan exhaustivo e pormenorizado para garantir que rúas, prazas, instalacións, espazos públicos, bancos, mobiliario urbano, marquesiñas, xogos infantís, etc sexan aptos para o uso dos veciños e do mesmo xeito deberíase dar información adecuada ao cidadán sobre os traballos realizados para que coñezan con claridade a situación dos seus barrios”,sinalan.

Un plan de desinfección que debería de ir parello dun plan de información para previr e protexer aos veciños da cidade de futuros contaxios que nos leven de novo a unha situación de risco sanitario como na que nos atopamos, polo que o Grupo Popular solicitará en comisión que as mensaxes emitidas polos semáforos que dispoñen de megafonía incorporada (cando non estean dando indicacións ás persoas con problemas visuais), edificios municipais con megafonía como a casa consistorial ou a praza; ou os elementos de mobiliario urbano, como marquesiñas, mupis, postes informativos do transporte urbano e incluso a propia publicidade do autobuses urbanos, poderían servir de soporte para informar das distintas medidas que deben adoitar os veciños.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular tamén defenderán que o Concello de Lugo poña a disposición dos alumnos equipos informáticos e liñas de datos para que poidan continuar coa actividade académica. Un préstamo que se podería facer a través dos equipos informáticos retirados das instalación municipais, polo que se podería o seu acondicionamento para poñelos a disposición daquelas familias que carecen de medios informáticos, algo ao que habería que sumar a contratación conexións a internet para diminuír a brecha dixital.

Por último, presentan un rogo os populares relativo á mellora do punto limpo. É hora de que esta dotación se adapte ás necesidades dos lucenses e presente unhas medidas de seguridade acordes aos produtos que se almacenan no seu interior. Por iso, os concelleiros populares defenderán a ampliación do horario, unha mellora das medidas de seguridade que garantan que o material entregado terá o destino pretendido, instalando sistemas de vixilancia e reforzando o peche perimetral, e que se estude a posibilidade de poñer en marcha un punto limpo móbil a demanda.

Leave a Reply

two + thirteen =