O PP lamenta que pola desidia de Lara Méndez o Carqueixo é de novo un vertedoiro incontrolado

By 17 Febreiro, 2019 Urbaser, Zona rural

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que “pola irresponsabilidade” dos socialistas as inmediacións do antigo vertedoiro do Carqueixo acumulan de novo unha cantidade importante de desperdicios, pese a que hai poucos meses que a Xunta realizou unha achega de 150.000€ para descontaminar esta propiedade municipal

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denuncia que a “desidia e irresponsabilidade” do goberno de Lara Méndez están a provocar un grave dano medioambiental no entorno de Lugo xa que a falta de vixilancia nas parroquias propiciou a aparición de “cinco ou seis” puntos de desperdicio nas inmediacións do antigo vertedoiro do Carqueixo, lugares nos que se queiman rodas, cables, se tiran mobles vellos… é dicir, todo tipo de residuos.

Manuel López lamenta “a irresponsabilidade” do goberno local, que se desentende da vixilancia nas parroquias o que propicia que, periodicamente, aparezan novos vertedoiros incontrolados no rural.

O popular explica que os novos puntos de vertido se atopan nas dúas entradas que ten o antigo vertedoiro do Carqueixo e nas súas inmediacións. “Está claro que os muros de terra que puxeron nas entradas fixeron o seu efecto, pero a falta de vixilancia provoca que se sigan a depositar residuos nas entradas e inmediacións deste punto”, afirmou o popular.

Manuel López recorda que hai poucos meses que o Concello recibiu esta finca e o seu entorno perfectamente descontaminados despois dun investimento da Xunta de 144.472,27 €, pero que, ao “non facer os deberes” desde o goberno local, os residuos volveron a aparecer sendo “moitos deles altamente contaminantes”. Neste senso, o popular reclama unha actuación inmediata que inclúa unha nova descontaminación da zona.

O concelleiro popular sinala que o ano pasado o Grupo Popular xa defendeu unha iniciativa no pleno ante a proliferación dos vertedoiros incontrolados no Concello de Lugo, especialmente nas áreas periurbanas. Unha proposta plenaria que tiña como obxectivo adoptar de xeito urxente as medidas necesarias para proceder a limpeza e descontaminación da finca municipal sita no Carqueixo, así como o seu peche e vixilancia da mesma.

Un acordo plenario que contou co voto en contra do PSOE, un voto negativo que queda patente “á vista dos feitos” xa que o goberno local non puxo “os medios necesarios” para poñer freo aos problemas ambientais e de salubridade que se están a xerar no Carqueixo, nunha parcela de titularidade municipal. “Está claro que ao goberno de Lara Méndez non lle importa o que pase aquí, o malo será que logo teremos que botarnos ás mans á cabeza cando non haxa solución”, sentenciou o popular.

Esta parcela municipal sita no Carqueixo provoca un impacto negativo sobre a paisaxe e efectos contaminantes no chan e na auga pola escorrenta e na atmosfera pola queima de rodas, aceites ou cables.

Manuel López explica que podería darse un posible delito medio ambiental polos danos á calidade do aire, ao chan ou as augas. Neste senso reitera a necesidade de realizar unha limpeza desta finca municipal así como a súa descontaminación, adoptando medidas que eviten que esta situación se volva a repetir, como debe ser a través do peche da finca de xeito efectivo e dunha vixilancia habitual.

Responder

four × five =