Economía

O PP lamenta que a alcaldesa tardara tres meses en desglosar as facturas pendentes

By 16 Maio, 2017Sin comentarios

 O voceiro popular Jaime Castiñeira considera que “a tramitación en 24 lotes distintos das 42 facturas pendentes pon de manifesto que o goberno preferiu ata agora bloquear os pagos e intentar chantaxear á oposición con algúns dos conceptos”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, lamenta que a alcaldesa tardase tres meses en desglosar as facturas pendentes.

Logo de recibir a orde do día da Comisión de Contas que se celebrará este venres na que se dividen en 24 expedientes distintos as 42 minutas do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito 2/2017 que non resultaran aprobadas nos plenos de febreiro, marzo e abril, o voceiro popular valora que “por fin, a alcaldesa teña recapacitado e teña dado os pasos que levamos tanto tempo pedíndolle para poder desbloquear boa parte destes pagamentos”. “Unha vez máis, o tempo vólvenos dar a razón cando diciamos que era perfectamente posible facer esta tramitación, como así o refrendara ata o interventor muincipal”, subliña Castiñeira, para quen “o que demostra isto é que a rexedora preferiu chantaxear á oposición con algúns dos conceptos co obxectivo de que, apelando á sensibilidade que suscitan, se aprobasen en bloque pagamentos como os de Gestagua, os do guindastre municipal ou todos os de Cultura que se adxudicaron a dedo sen procedemento de contratación nin consignación orzamentaria, entre outros”.

Nesa liña, Castiñeira lembra que, con este asunto, “os socialistas non tiveron reparos en intentar manipular de xeito burdo á opinión pública, incluso botando man de supostos informes de responsabilidades penais que nunca quedaron claras”. “Foron irresponsables cando permitiron que tantas empresas traballaran nesta situación e foron irresponsables cando non desbloquearon antes todo isto”, asegura.

Para o voceiro popular, a situación das facturas “volve poñer de manifesto que, con actitudes coma esta, a alcaldesa demostra que o cargo lle vén grande porque pola súa cabezonería arrastrou durante meses un problema que podería estar xa resolto”. “Démoslle moitas alternativas, incluíndo un pleno extraordinario no que renunciariamos ás nosas compensacións, pero preferiron continuar mirando cara outro lado”, destaca, ao tempo que apunta que na Comisión de Contas deste venres tamén se abordará un novo recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 225.647,88 euros.

Por último, Castiñeira anuncia que “coma sempre facemos, analizaremos os distintos expedientes e abordaremos a decisión con respecto a estes pagos nunha xuntanza de grupo previa ao pleno e sendo coherentes co que sempre viñemos mantendo”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies