O PP insta a Couto a dar por escrito a orde de incumprir o PXOM aos particulares e Administracións aos que pide que ignoren a normativa

By 5 Agosto, 2020 Urbanismo

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que o Plan Xeral cualifica a nave de Correos da estación de tren como un edificio “protexido” e impide a “demolición e obras de nova planta”, polo que pregunta a Couto que técnico vai a informar favorablemente o derrubamento deste edificio para a construción da intermodal se non se revisa o PXOM

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, non da crédito á petición que realiza nos medios de comunicación o edil de Urbanismo, Miguel Couto, que pide a particulares e administracións que ignoren as directrices marcadas no PXOM de Lugo e pasen por alto, por exemplo, a protección que se marca para a nave de Correos que hai na estación de tren, polo que insta ao concelleiro de Urbanismo a emitir esa orde por escrito.

Antonio Ameijide explica que segundo o Plan Xeral trátase “dun edificio protexido” que vén definido na páxina 110 do catálogo do PXOM, no plano L-53, impedindo a “demolición e obras de nova planta”, permitindo unicamente “a rehabilitación, consolidación ou conservación”. Ante esta situación, o concelleiro popular pregunta a Miguel Couto “se pode garantir” que o Concello de Lugo daría licenza se solicitasen a demolición deste edificio, que é un edificio protexido. “Que técnico vai a informar favorablemente a demolición deste edificio para a construción da intermodal”, preguntou.

Para o Grupo Municipal Popular estamos ante “un gran despropósito” xa que están a pedir publicamente a unha administración pública que “ignore” o que marca o Plan Xeral de Ordenación Urbanística e seguir adiante, pese a que non pode asegurar que “haberá un técnico que ignore a legalidade e pasará por alto esta protección”. “A responsabilidade do Concello de Lugo e do edil de Urbanismo e corrixir os erros, en lugar de pedir que incumpran o PXOM, polo que non se pode concebir que o concelleiro de Urbanismo pida que se ignore o PXOM, dando a entender que permiten unha barra libre de infraccións”, afirmou.

O concelleiro popular explica que hai unha situación semellante ao outro lado das vías do tren, en Serra de Meira, onde as diferenzas de criterio entre o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica impiden á Xunta de Galicia realizar unha obra paralizada desde hai anos. “En Serra de Meira nin Concello nin Confederación se sentaron a buscar unha solución e agora Miguel Couto, lonxe de asumir un erro e tentar corrixilo, o único que busca e escorrer o bulto e tirar adiante”, sinalou.

Desde o Grupo Municipal do Partido Popular se presentarán preguntas para a súa resposta por escrito para coñecer se é posible que un particular, unha empresa ou mesmo unha administración pública poida saltarse as normas marcadas á hora de solicitar unha licenza de obra ou realizar a execución dun proxecto xa aprobado.

Leave a Reply

1 × 2 =