Obras

O PP esixe o reforzo inmediato da brigada de augas e un plan de emerxencia para arranxar avarías

By 18 Novembro, 2019Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia que mentres centos de lucenses quedaron sen auga durante a fin de semana debido a unha rotura na tubaxe de subministro, Álvaro Santos, o concelleiro responsable dese área, non foi capaz nin de “coller o teléfono” para contratar un servizo de reparación de urxencia

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia a situación que centos de lucenses viviron esta fin de semana ao quedar sen o servizo de auga corrente nas súas vivendas ao sufrir unha nova rotura a tubaxe municipal.

Antonio Ameijide critica a actuación do goberno local, en concreto do concelleiro Álvaro Santos, que non foi quen de descolgar o teléfono en toda a fin de semana para contratar un servizo privado de urxencia para arranxar a situación e devolver o subministro de auga corrente aos veciños afectados no menor prazo de tempo posible. “É incrible como o señor Álvaro Santos se lavou as mans neste asunto, pero o peor é que a súa superior, a alcaldesa, tampouco fixo nada por corrixir a súa deficiente actuación e poñer orde neste asunto”, afirmou.

O concelleiro popular tamén aproveita a ocasión para denunciar “a falta de traballo” de Álvaro Santos, que “a saber que cousas máis importantes” tiña que facer durante a fin de semana para non poñerse a traballar nun asunto de urxencia dentro da súa concellería. Ademais, demostrou unha falta total de coñecemento, ao supeditar o arranxo das roturas na rede aos vindeiros orzamentos municipais. “É unha barbaridade escusar a súa falta de traballo nos orzamentos. O Concello ten máis de 40M€, polo que a contratación dun servizo de urxencia para arranxar unha rotura nunha tubaxe é factible”, indicou.

Á falta de traballo de Álvaro Santos engádese o desmantelamento da brigada de augas, e outros servizos municipais, que realizou o PSOE durante os últimos 20 anos, o que provocou que, por exemplo, na brigada de augas so conten con 10 operarios para cubrir todas as quendas de traballo. Ademais, aos operarios da brigada de augas débenlles entre 3.000 e 4.000€ de gardas e servizos extraordinarios, “polo que non se lles pode esixir que traballen fora do seu horario de traballo”.

Ante esta situación, Antonio Ameijide afirma que dende o Grupo Municipal Popular se pedirá o reforzo inmediato da brigada de augas, mellorando as súas condicións laborais e asegurando que se lles pagan os cartos que lles deben, e a creación dun dispositivo de emerxencia para os momentos nos que a brigada de augas non se atope operativa, xa sexa a través da contratación de servizos de urxencias ou outro sistema.

O concelleiro popular sinala que tamén se pedirán explicacións ao concelleiro Álvaro Santos para coñecer “que tiña que facer durante a fin de semana para non dar solución a este problema”. “Álvaro Santos dá a impresión de que veu ao Concello de Lugo a abrigarse durante catro anos porque é o que demostra coa súa falta de traballo”, sentenciou.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies