EconomíaTransparencia

O PP esixe a Méndez e Arroxo un rexistro municipal de empresas para frear os caprichos e cacicadas do bipartito cos contratos menores

By 3 Febreiro, 2021Sin comentarios

Os populares piden ao bipartito “que explique os motivos polos que en tres anos non fixeron ningún trámite para implantar un sistema aberto de adquisición mediante unha aplicación web e móbil, dirixido a comunicar e solicitar oferta para cada contratación, aos autónomos e empresas rexistrados voluntariamente tal e como se acordou, por unanimidade en xaneiro de 2018 a petición do PP”

Co ánimo de corrixir “a práctica abusiva de utilizar contratos menores para os caprichos e as cacicadas da alcaldesa e o vicealcalde de Lugo” o Grupo Municipal do Partido Popular  esixe en que “do xeito máis urxente posible” se implante un sistema aberto de adquisición mediante unha aplicación web e móbil, dirixido a comunicar e solicitar oferta para cada contratación municipal, aos autónomos e empresas rexistrados voluntariamente.

O concelleiro popular Antonio Ameijide lembrou como esta proposta xa se puxo sobre a mesa hai tres anos e, de feito, conta coa unanimidade do pleno pero “coma xa nos teñen acostumados os socialistas e nacionalistas a deixaron gardada nun caixón porque non lles interesa dar participación, nin ser transparentes á hora de contratar e prefiren, cos cartos públicos, dar aos seus amigos contratos menores a dedo”.

A proposición que defendeu o Partido Popular, en xaneiro de 2018, tiña por obxecto  crear un sistema aberto de adquisición para contratos menores que dea publicidade de toda contratación que se oferte dende o Concello para que todos os autónomos ou calquera empresa lucense que desexe acceder e presentarse a estes procedementos teña a oportunidade de facelo.

O Grupo Municipal Popular mantiña xa en xaneiro de 2018 que “era preciso desenvolver un sistema mediante o cal poidan relacionarse de maneira áxil e eficaz os provedores interesados en traballar co Concello” e suxería utilizar unha aplicación web e outra móbil que permitiría darse de alta aos usuarios que queiran contratar co Concello e elixir unhas categorías predefinidas. Unha vez que estivesen rexistrados, recibirían unha notificación de cada novo contrato menor que se oferte e que estea incluído nas categorías previamente seleccionadas. Os provedores interesados poderían acceder á descrición de solicitude de orzamento e os requisitos da mesma tanto na web como na aplicación móbil e enviar os seus orzamentos, xunto coa documentación complementaria a través da propia web. Unha vez que se acaba o prazo de envío de orzamentos o Concello tomaría a decisión de adxudicar o contrato menor segundo as ofertas presentadas todo iso a través da aplicación web.

Todos os participantes no procedemento poderían acceder á información dos orzamentos presentados, a documentación complementaria doutros candidatos e á adxudicación, o que implicaría unha maior transparencia. Este procedemento ofrece unha imaxe de maior compromiso co ben público e de mellor rendición das contas públicas, permitindo ás empresas coñecer os procesos de compras, independentemente do sector no que desenvolvan a súa actividade. Este sistema permite realizar unha análise máis certeira da contratación menor, reducir custos, o que redunda nunha maior eficiencia e economía ás compras, e abrir a contratación menor a todo tipo de empresas.

 

Información deficiente

Con respecto á listaxe que se facilitou sobre os contratos menores do ano 2020 os populares indican que “non cumpren nin tan sequera os mínimos que segundo o artigo 63.4 da Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público especifica xa que a publicación da información relativa aos contratos debería incluir a duración, o importe de adxudicación, incluído o Imposto sobre o Valor Engadido, e a identidade do adxudicatario, ordenándose os contratos pola identidade do adxudicatario”. O documento ao que temos acceso non ordena por adxudicatario, nin tampouco ofrece datos sobre duración do mesmo. Tampouco ofrece datos mínimos e necesarios como a data de contratación, o número de ofertas solicitadas, así como a concellería tramitadora do contrato”, sinalaba Ameijide.

Os populares conclúen que ata o último minuto “poñen as máximas trabas posibles” insistindo en que “desde que Lara Méndez chegou á alcaldía de Lugo a transparencia brila pola súa ausencia” recriminándolle “os anos nos que negou o acceso a esta documentación e que agora fai público tralo o apercibimento da Valedora do Pobo”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies